Procedemento. Cura de mantemento programada

0 comentarios comentarios

Procedemento. Cura de mantemento programada

Procedemento da cura de mantemento programada

 1. Comprobacións previas:

-Presentarse ao paciente.

-Comprobar inequivocamente a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.

-Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.

-Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vai realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible. Usar unha linguaxe comprensible e resolver as posibles dúbidas e temores.

-Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.

-Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.

-Comprobar a existencia de alerxias.

-Realizar a hixiene das mans segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.

-Colocar o paciente na postura adecuada: sentado ou deitado en semi-Fowler, brazo afecto estendido, separado do corpo.

 2. Realizar hixiene de mans e colocación de luvas non estériles (CDC 2011; categoría IB).

 3. Recoméndase colocarlles unha máscara cirúrxica ao paciente e ao persoal que realice a cura.

 4. Retirar coidadosamente o apósito previo, preferiblemente de zona distal a proximal para evitar a extracción accidental do catéter. No caso do apósito transparente, este retírase logo de estiralo para que perda a súa capacidade adhesiva (stretch).

 5. Examinar o aspecto da pel no punto de inserción, e prestarlles atención a posibles edemas, infiltracións subcutáneas, afectacións cutáneas, supuración ou outros signos indicativos de complicacións.

 6. Retirada de luvas non estériles, nova hixiene de mans e colocación de luvas estériles (CDC 2011; categoría IB).

 7. Montaxe do campo estéril co material necesario.

 8. Realizar desinfección da zona de inserción do catéter con gasas impregnadas co antiséptico de elección. A limpeza realizarase en espiral dende o centro á periferia. Recoméndase a aplicación de antiséptico na zona circundante e na totalidade da parte exterior do catéter (lumens, cabezas e sistema fixador). 

 9. Con fixadores subcutáneos non removibles, tras a limpeza débese poñer por baixo da peza plástica unha gasa para evitar dano na pel. 

Con fixadores removibles, opcionalmente pódese colocar unha ou dúas tiras de aproximación estériles sobre a parte do PICC situada xusto entre o punto de saída e a zona de colocación do sistema fixador para reducir o risco de saída accidental durante a manipulación deste último. Este fixador retírase aplicando alcohol para despegalo da pel. Limpar cunha gasa humedecida en SSF ou antiséptico os posibles restos de adhesivo, e comprobar a integridade da pel.

Rotar a zona de pegado do fixador para evitar danos por  MARSI  (INS 2016, grao I).

Aplicar un protector cutáneo na zona onde vai ir pegado o novo     sistema para reducir o risco de MARSI (INS 2016, grao l). Algúns   dispositivos dispoñen dunhas toalliñas monodose que se aplican   na zona onde se colocará o sistema. Colocar o sistema de fixación.

 10. Tapar o punto de inserción co apósito transparente, e cubrir tamén o sistema fixador sen suturas. En caso de sangrado do punto ou sudación excesiva, utilizaríase un apósito de gasa, pero coa precaución de que o esparadrapo destes apósitos non queden pegados sobre o sistema fixador, xa que podería provocar unha retirada accidental deste e do catéter ao intentar retiralo na seguinte cura (CDC 201, categoría IA; INS 2016, grao II).

 11. Retirar o bioconector e desinfectar o cabezal fregando vigorosamente con gasa estéril con alcohol isopropílico ao 70 % ou clorhexidina alcohólica 2 % ou solucións iodadas. (INS 2016, grao II).

 12.Lavar con técnica push-stop–push.

 13. Poñer novos tapóns bioconectores.

 14. Comprobar a permeabilidade da luz ou luces.

 15. Opcional: selado con heparina sódica.​

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde