Definicions. Adm. medicación por vía nasal

Definicions. Adm. medicación por vía nasal

Biodispoñibilidade: é o grao e a velocidade coa que unha forma activa (o fármaco ou os seus metabolitos) accede á circulación e alcanza desta maneira o seu lugar de acción.

Erro de medicación: fallo no proceso de tratamento que conduce, ou ten o potencial de conducir, a un dano no paciente.

 

Evento adverso (EA): calquera lesión relacionada co tratamento médico, en contraste coas complicacións da enfermidade.

Excipiente: substancia que, ás concentracións presentes nunha forma farmacéutica, carece de actividade farmacolóxica. Emprégase co fin de dotar a forma farmacéutica de características que aseguren a estabilidade, biodispoñibilidade, aceptabilidade e facilidade de administración dun ou máis principios activos. Os excipientes serven, ademais, para dar a forma ou consistencia adecuada a unha preparación.

Forma galénica ou forma farmacéutica: disposición á que se adaptan os principios activos e os excipientes para constituír un medicamento. Defínese pola combinación da forma en que o produto farmacéutico é presentado polo fabricante e a forma en que é administrado (cápsulas, xaropes, supositorios, inxectables, pomadas, gotas, aerosois, xeles...).

IANUS: Historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde.

Instilar: administrar un líquido gota a gota.

Medicamento de uso humano: toda substancia ou combinación de substancias que presente propiedades para o tratamento ou a prevención de enfermidades en seres humanos ou que poida usarse ou administrarse en seres humanos, co fin de restaurar, corrixir ou modificar as súas funcións fisiolóxicas exercendo unha acción farmacolóxica, inmunolóxica ou metabólica, ou de establecer un diagnóstico médico.

Medicamento xenérico: todo medicamento que teña a mesma composición cualitativa e cuantitativa en principios activos e a mesma forma farmacéutica, e cuxa bioequivalencia co medicamento de referencia fose demostrada por estudos axeitados de biodispoñibilidade.

Principio activo: toda substancia ou mestura de substancias destinadas á fabricación dun medicamento e que, ao seren utilizadas na súa produción, se converten nun compoñente activo do dito medicamento destinado a exercer unha acción farmacolóxica, inmunolóxica ou metabólica co fin de restaurar, corrixir ou modificar as funcións fisiolóxicas ou de establecer un diagnóstico.

Reacción adversa medicamentosa (RAM): é a resposta a un fármaco que é nociva e non intencionada e que ten lugar cando este se administra en doses utilizadas normalmente en seres humanos para a profilaxe, diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade, ou para a modificación dunha función fisiolóxica.

Vía de administración: ruta de entrada ou medio polo que os medicamentos son introducidos no organismo. Esta influirá na súa latencia, na intensidade e na duración do efecto farmacolóxico.

Vía nasal: vía de administración dun medicamento a través dos orificios nasais, para ser vaporizado ou para ser absorbido polas membranas nasais. Pode ter efecto local ou efecto sistémico. Unha vez absorbido, entra no torrente sanguíneo e actúa rápidamente.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde