Procedemento. Cambio de cánula de traqueotomia

2 comentarios comentarios

Procedemento. Cambio de cánula de traqueotomia

.

Preparación do paciente:
 
- Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
- Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
- Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vai realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, hai que explicarlles o procedemento aos pais. (Grao B) (Nivel de evidencia III).
- Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
- Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
- Comprobar se o paciente ten alerxias.
- Colocar o paciente en posición axeitada (posición semifowler, co colo en lixeira hiperextensión, sempre que sexa posible).
- Valorar a necesidade de aspiración previa de secrecións e/ou hiperosixenación.
 
Cambio de cánula:
 
A. CÁNULA DE SILICONA (TÉCNICA ESTÉRIL)
 
- Dispoñer material sobre campo estéril segundo o procedemento que haxa que realizar.
- Realizar a hixiene das mans (Nivel I) e poñer luvas estériles.
- Comprobar a integridade do globo.
- Retirar a cánula interna e inserir o obturador na cánula externa.
- Lubricar a cánula externa con lubricante hidrosoluble.
- Desatar a fita que suxeita a cánula do paciente e limpar con soro fisiolóxico arredor do estoma e aplicar antiséptico evitando que se introduza no estoma.
- Desinchar coa xiringa o globo da cánula do paciente e, a continuación, retirarlle a cánula, tirando suavemente cara arriba e cara a fóra.
- Aspirar as secrecións do estoma se é necesario.
- Introducir a cánula estéril.
- Retirar o obturador, colocar a cánula interna asegurando a súa fixación mediante a marca de referencia da cánula externa e inchar con aire coa xiringa o globo de pneumotaponamento, sen exceder de 20-25 mm Hg (Nivel de recomendación 1C)
- Suxeitar a cánula coa fita.
- Colocar o babeiro arredor do estoma.
- Acomodar o paciente.
- Recoller o material empregado.
- Retirar as luvas e realizar a hixiene das mans.
 
B. CÁNULA DE PRATA (TÉCNICA NON ESTÉRIL)
 
- Realizar a hixiene das mans (Nivel I) e poñer luvas non estériles, segundo o procedemento.
- Dispoñer o material sobre o campo, segundo o procedemento que se vaia realizar.
- Montar a cánula interna dentro da externa asegurando a fixación desta coa pestana da cánula externa destinada para tal fin.
- Adaptar o babeiro (a zona plastificada cara ao exterior e poñer unha gasa debaixo deste, para evitar decúbitos e a maceración da pel).
- Pasar a fita de suxeición polos orificios laterais da cánula (un extremo da fita por un dos orificios e o outro extremo polo outro e en sentido de dentro cara a fóra) para, posteriormente, poder enlazar ambos os extremos da fita na parte posterior do colo do paciente.
- Desatar a fita que suxeita a cánula do paciente e retirarla.
- Limpar con soro fisiolóxico estéril arredor do estoma e, no caso de que se aprecien signos de infección, aplicar unha solución de clorhexidina acuosa ao 0,2 %, evitando que se introduza no estoma.
- Introducir a nova cánula.
- Suxeitar a cánula coa fita.
- Acomodar o paciente.
- Recoller e desbotar o material empregado.
- Retirar as luvas e realizar a hixiene das mans.

 

 

Comentarios:
  • avatar Gustavo dixo:
    martes, 2 de maio 2023 ás 14:05
    Cambio de canullas W
  • avatar Gustavo dixo:
    martes, 2 de maio 2023 ás 14:02
    Cambio de canullas W
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde