As lesións cutáneas pódense previr amofadando os puntos de presión con apósitos poliméricos ou hidrocoloides. A presión do arnés sobre a máscara debe repartirse de forma uniforme. Para isto sempre é aconsellable non tensar as cintas do arnés dun mesmo lado da cara, senón de forma cruzada, para o que se pode usar o lado superior dereito co lado inferior esquerdo, e viceversa.
Débense vixiar os desprazamentos laterais da máscara e evitar, no posible, un aumento de presión en calquera dos puntos onde vai ancorada e das zonas de apoio.
As fugas aéreas aparecerán en todos os pacientes sometidos a ventilación mecánica non invasiva, tanto en pacientes pediátricos coma en pacientes adultos. A detección e o tratamento de forma precoz é un punto que hai que ter en conta para que o tratamento teña consecuencias favorables. Poden provocar hipoxia e hipoventilación, que terán como consecuencia a perda ou o descenso de volume realmente efectivo. Vixíe en cada rolda a posición correcta da máscara para evitar que se produzan fugas.
Valore se hai signos de dificultade respiratoria: dispnea, cianose, uso de músculos accesorios, nivel de consciencia e cambios no estado mental.
Observe e valore: dor, náuseas, expectoración, saturación de osíxeno, FR, FC, PA e T.ª.
Observe o movemento da parede torácica.
Programe, se é posible, pausas durante a VMNI para a alimentación, a hidratación, o descanso, a hixiene bucal, nasal ou ocular e a drenaxe de secrecións.
Manteña hidratadas as mucosas (non utilice vaselina nin cremas oleosas).
Insista na necesidade de levar a cabo a hixiene bucal despois de cada comida e, se fose necesario, axúdelle.
Vixíe se hai signos de conxuntivite iatroxénica, realice a hixiene dos ollos e administre lágrimas artificiais.
Revise os axustes do ventilador mecánico todos os días e cada vez que se retire.
Axuste as alarmas dos parámetros de volume e presión segundo se requira.
Baleire a auga da condensación das tubuladuras cada vez que se requira.
Utilice un humidificador limpo cando se cambien os circuítos.
Encha o humidificador cada 24 h con auga destilada ata o nivel que indique o fabricante.
Informe se non funciona de forma adecuada ou se emite ruídos estraños. Manteña o exterior limpo, nunha superficie plana e libre de obxectos ao seu redor que impida a correcta ventilación.
Manteña o exterior limpo, nunha superficie plana e libre de obxectos ao seu redor que impida a correcta ventilación.
Recoméndase cambiar os circuítos externos unha vez á semana, e con maior frecuencia se o enfermo ten abundantes secrecións.