Procedemento. PEG

Procedemento. PEG

.

Procedemento  

  1. Saudar, presentarse e identificarse.
  2. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  3. Respectar a súa intimidade e gardar a confidencialidade dos seus datos.
  4. Informa o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se lle vai realizar e solicitarlle a súa colaboración (Grao B) -se é posible-, recalcar a súa utilidade, usar unha linguaxe comprensible e resolver as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, explicarlles o procedemento aos pais ou titores legais (Grao B).
  5. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  6. Comprobar as súas alerxias.
  7. Colocar o paciente na posición axeitada.
  8. Realizar a hixiene de mans (Nivel I) e colocar guantes non estériles.

 

1. Coidados do estoma

 
  • Comprobar que ao redor da incisión non existe irritación cutánea, inflamación ou secreción e que a zona non está encarnada ou dolorosa. Se se presenta algunha destas circunstancias, débese informar o médico de referencia. Anexo I .pdfAnexo I .pdf
  • Durante os primeiros 15 días, lavar o estoma, coa axuda dunha gasa estéril, con auga morna e xabón. Secar o estoma e a zona circundante con outra gasa estéril, desde a sonda cara a fóra, sen exercer presión sobre ela. Se se observa sucidade debaixo do soporte e a sonda está fixada, pódese levantar ou virar lixeiramente o soporte externo para limpalo mellor.
  • Aplicar unha solución antiséptica e colocar unha gasa estéril aberta debaixo do estoma. A partir da terceira semana, é suficiente con limpar diariamente o estoma con auga e xabón.
  • Recomendarase a utilización de roupa frouxa que non oprima o estoma.
  • Poderá ducharse tras una semana da colocación do estoma.
 
2. Coidados do soporte externo
 
  • O soporte externo debe quedar colocado de modo que se apoie sobre a pel sen exercer presión.

 

3. Fixación da PEG ao doente
  
  • Fixar a sonda sobre a parede abdominal con cinta hipoalerxénica, aproveitando a flexión natural da sonda que sobresae do estómago. Evitaremos así que esta se dobre e reduciremos ao mínimo a presión exercida na zona de incisión.
  • Cambiar todos os días o esparadrapo, ou sempre que estea sucio, despegado ou deteriorado.
  • Rotar todos os días o punto de fixación do esparadrapo.
 
 
4. Coidados da sonda PEG
 
  • Limpar diariamente e de forma minuciosa a parte externa da PEG e o soporte externo, así como a conexión adaptadora da sonda, con auga morna e xabón suave. Aclarar e secar.
  • Limpar a parte interna da conexión periodicamente con auga e bastonetes de algodón.
  • Virar diariamente a sonda polo menos unha volta, para que non quede adherida á pel nin a agulla de aletas interna quede embebida pola parede gástrica. (Grao C)
  • Pechar o tapón da sonda cando non se use.
  • Comprobar cada dúas semanas a estanquidade das sondas con balón. Para iso, controlar a auga do balón aspirando o seu volume cunha xiringa e comprobando que este é o correcto (a cantidade está indicada no seu extremo proximal). Volver a inflalo.

 

5. Administración da nutrición enteral

  • Lavar as mans previamente á manipulación da nutrición.
  • O paciente estará sentado ou incorporado (posición de Fowler ou semi-Fowler) (Nivel I) durante a administración da nutrición e entre 30-60 minutos despois de finalizar esta. Se non se pode manter esta postura, colocarase de lado na cama.
  • Comprobar que a posición da sonda é a correcta: farase observando a gradación da sonda en centímetros.
  • Antes da administración da alimentación, comprobar o residuo gástrico aspirando lentamente cunha xiringa de 50 ml. (Grao C) (Nivel I). Se este é superior a 100 ml, esperarase unha hora. Pasado ese tempo, volverase a facer a comprobación: se continuase sendo superior a 100 ml, porase en coñecemento do médico. O aspirado SEMPRE se volve a introducir no estómago. Despois da aspiración de residuos, débese limpar a sonda con 30-50 ml de auga.
  • Comprobar que a sonda está permeable antes de cada inxestión, pasando unha xiringa con 30-50 ml de auga. (Nivel II). Se ao administrar calquera tipo de substancia se percibe algunha resistencia que impide a súa introdución, a causa pode ser que a sonda estea obstruída por restos de medicamentos ou de alimentación; neste caso, pódese introducir a través dela auga morna para que os abrande.
  • Despois da administración de alimentación, pasar 50 cc de auga (se a alimentación é continua, recoméndase facelo igualmente cada 6 horas) (Nivel II).

 

6. Administración dos medicamentos

  • No mesturar nunca os medicamentos coa alimentación (Grado C).
  • Limpar a sonda irrigando 30 ml de auga cunha xiringa antes e despois da administración da medicación (Grao C).
  • A administración de medicamentos debe facerse de forma líquida ou triturándoos ata obter un po fino e diluídos en 10-15 ml de auga, sempre que o permita a presentación; se a presentación non ofrecese estea posibilidade, débese escoller unha que si o faga.
  • Os medicamentos administraranse inmediatamente despois de seren preparados.
  • Administrarase cada fármaco por separado, primeiro as formas líquidas e despois as máis densas; as solucións viscosas administraranse en último lugar. Lavarase a sonda con 5 ml de auga despois de cada un.
  • Non se deben triturar os comprimidos efervescentes, as formas farmacéuticas con cuberta entérica, de liberación retardada, de absorción sublingual, as cápsulas que conteñen gránulos, as cápsulas xelatinosas que conteñen líquidos e os medicamentos con actividade carcinoxénica ou teratoxénica.
 
7. Coidado da boca dos pacientes

 

  • Lavar a boca e cepillar os dentes e a lingua do paciente con cepillo e pasta dentífrica, aínda que non coma, polo menos dúas veces ao día. Enxaugar con auga e un antiséptico bucal. Non debe tragar a auga. Se o paciente non pode realizar estes coidados persoalmente, o coidador debe realizar a limpeza da súa boca cunha gasa e antiséptico bucal diluído. (Nivel I)

 

8. Cambio da PEG

  • Debe facerse cada 6 meses.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde