Coidados xerais

Coidados xerais

Cando o paciente portador de PICC se atopa no centro  hospitalario, debemos proporcionar unha serie de coidados

    1. Valorar diariamente signos e síntomas de complicacións: flebite, extravasación, trombose venosa profunda, saída accidental etc. (INS 2016, grao III).
    2. Comprobar permeabilidade da luz antes de cada uso, aspirando un volume de sangue correspondente aproximadamente ao cebado do catéter e refugalo no caso de que estea selado con heparina sódica.
    3. Lavados con SSF coa técnica push-stop–push con clampaxe a presión positiva: técnica de lavado intraluminal que consiste en instilar, no caso de catéteres PICC, polo menos 5-10 ml de SSF a emboladas (usando sempre xiringas de 10 ml ou maiores, pois instilar con xiringas inferiores pode xerar un incremento da presión intraluminal que leve á rotura do catéter), facendo pequenas pausas (máis ou menos cada 1-2 ml) para xerar turbulencias. Deste xeito garantimos a limpeza das paredes ao evitar o depósito de eritrocitos, fibrina ou substancias na luz do catéter, que o acabarían obstruíndo.
  • Recoméndase que os lavados se realicen cun volume superior ao dobre da capacidade do catéter, e dobrar o volume tras solucións viscosas e propensas ao precipitado como nutricións, hemoderivados, bicarbonato etc. (INS 2016, grao IV). (O volume de cebado máximo dun PICC de 55 cm é entre 1,3-1,5 ml; por consenso, recoméndase entón usar polo menos 5- 10 ml de SSF para os lavados habituais, e 10- 20 ml no segundo caso citado).
  • A clampaxe a presión positiva consiste en pechar o clamp externo do catéter (se o ten) durante a instilación da última embolada, tendo en conta que debe sobrar algo de volume na xiringa para manter sempre a presión positiva. Rotar a zona onde se clampa para non danar o catéter.
    4. Selaxe final do catéter: no uso intermitente, tras o lavado final, é opcional selar con heparina sódica (INS 2016, grao III). Utilizarase unha xiringa cargada con 3 ml de heparina sódica cunha concentración de 20 UI/ml e perfundirase aproximadamente o volume de cebado do catéter, facendo clampaxe a presión positiva ao terminar a instilación (se ten clamp).
  • Segundo a evidencia actual, a medida máis importante para evitar obstrucións é o lavado coa técnica push-stop–push, e non se observa un maior beneficio se facemos unha selaxe posterior con heparina sódica (INS 2016, grao I).
    5. Cura de mantemento: realizarase sempre que se precise, por perda de integridade do apósito, sudación, sangrado, sucidade etc. (CDC 2011, categoría IB).
Se o apósito se atopase limpo e íntegro, programaranse as curas:
  • Semanalmente: se utilizamos un apósito semipermeable transparente e visualizamos o punto de saída do catéter.
  • Cada 48 h: sempre que usemos un apósito con gasa que non permita observar o punto de saída do PICC.
    6. Antiséptico de elección: recoméndase a aplicación do antiséptico de elección en esponxas monodose, o na súa falta, o mesmo antiséptico en spray.
  • 1.ª elección: clorhexidina >0,5% (preferiblemente ao 2%) con alcohol isopropílico ao 70º. Tempo de secado 30 segundos (CDC IB).
  • En caso de sensibilidade á clorhexidina, usaríase povidona iodada non alcohólica (non en catéteres de silicona) ou só alcohol isopropílico ao 70% (INS 2016, grao I). Tempo de secado: 1,5-2 minutos e 30 segundos, respectivamente.
    7. Fixación do catéter: recoméndase que o catéter se fixe á pel mediante un sistema fixador sen suturas(1), especialmente concibido para este propósito. No mercado existen varios tipos aínda que os máis comúns son os fixadores adhesivos, os cales se cambiarían cada 7 días ou cando se precise.
  • Actualmente, o Instituto Británico de Excelencia no Coidado, NICE, recomenda un fixador permanente subcutáneo, sen adhesivo, que serve para todo o período de tratamento, o cal evita o risco de dano na pel polo pegamento de produtos sanitarios (MARSI), e ademais reduce o risco de extracción accidental do catéter.

Fixadores sen sutura.JPG
                                                          Modelos de fixadores sen suturas.


 
 
 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde