Para ter en conta. Glicemia capilar

0 comentarios comentarios

Para ter en conta. Glicemia capilar

.

  • Existen certos parámetros que poden influír na medición da glicemia capilar, como son: o volume da gota de sangue, substancias que interfiren na medición (vitamina C, cisteína etc.), rango do hematócrito, tipo de sangue aplicado, tempo desde a inxestión, calibración do propio medidor, así como certos factores ambientais (temperatura, humidade, altitude).

  • É importante coñecer as características dos aparellos, o seu modo de emprego e as posibles causas do erro, para facer unha correcta utilización destes.

  • Nunca se debe facer comprobación da glicemia con distintos medidores; de facelo, deberían ser dous medidores iguais, utilizar a mesma gota de sangue, e aínda así pode haber unha diferenza de ± 15 mg/dl.

  • Non facer glicemias seguidas, salvo que o resultado da medición sexa moi alto ou moi baixo.

  • Rotar a zona de punción.Ter en conta que se poden utilizar todos os dedos das mans.

  • Non obter o sangue de zonas frías, cianóticas ou edematosas, se as condicións do paciente o permiten.

  • Non aplicar ningún antiséptico na zona de punción.

  • Se houber problemas para obter unha boa gota de sangue da punta do dedo, lavar os dedos con auga quente, axitando a man por debaixo da cintura, ou apertar a punta do dedo, nunca espremer o dedo.

  • Non efectuar as determinacións de glicemia a temperaturas inferiores a 14 ºC ou superiores a 40 ºC.

  • Manter as tiras reactivas en lugar fresco e seco e protexidas da luz. Debe asegurarse de que ao sacar a tira do bote quede ben pechado polo risco de deterioración ou contaminación.

  • Aínda que se pode facer a toma de mostra do sangue na palma da man, antebrazo ou coxa, poden dar resultados máis baixos que os obtidos nas xemas dos dedos, polo que non se recomenda cando a concentración de glicosa no sangue aumenta (como inmediatamente despois da inxesta de alimentos) ou diminúe (en resposta á insulina de acción rápida ou ao exercicio) rapidamente.

  • A maioría dos medidores teñen un rango de medida que vai dende 10-20 mg/dl ata 500-600 mg/dl; se a glicemia é inferior ao rango 10-20 mg/dl, no aparello aparecerá “LO” (do inglés “low”), e se é superior a 500-600 mg/dl, aparecerá “HI” (do inglés “high”).

  • Se o lavado das mans non é posible e non están visiblemente sucias ou expostas a produtos que conteñan azucre, é aceptable utilizar a segunda gota de sangue despois de limpar a primeira.​

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde