Procedemento de administración de medicación por vía oftálmica
Antes da administración
- Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
- Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
- Informar ao paciente e/ou ao coidador principal do procedemento a realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlles o procedemento aos pais.
- Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
- Identificar aos profesionais sanitarios que van intervir no procedemento
- Seguindo os cinco principios da administración da medicación verificar: fármaco, dose, vía, hora e paciente correcto. Asegurarse de que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco. Seguimento e monitorización de posibles reaccións alérxicas medicamentosas (RAM) ou efectos adversos (EA).
- Identificar correctamente o ollo onde imos aplicar o tratamento, dereito (OD), ollo esquerdo(OE) ou ambos ollos (AO).
- Comprobar a prescrición coa etiqueta do fármaco e que ambas as dúas estean claramente escritas. Verificar tamén a data de caducidade. Non aplique ningún medicamento nos ollos se a etiqueta non indica especificamente para uso oftálmico.
- Asegurar que todo o equipamento necesario estea á man.
- É preciso que o persoal sanitario coñeza a duración e finalidade do tratamento para poder facilitar a adherencia do paciente ao mesmo.
Preparación do paciente:
- Sentar ao paciente coa cabeza inclinada cara atrás ou ben deitado en decúbito supino e, se non hai contraindicación, co colo en leve hiperextensión.
- Lavado hixiénico das mans.
- Poñer luvas.
- Retirar as próteses oculares e as lentes de contacto, se as tivese.
- Se hai lagañas ou secrecións nos anexos oculares, limpalas suavemente cunha gasa impregnada en soro fisiolóxico. Para non introducir microorganismos no conduto lacrimal, limpe sempre desde o canto interno ao canto externo do ollo. Utilice unha gasa nova para cada pasada.
Administración da medicación:
- Abrir e retirar o tapón do medicamento (sexan pingas ou pomada) colocando no peche unha gasa para evitar a súa contaminación, e deixar a tapa boca arriba para evitar a contaminación dos bordos. Anotar no frasco a data de apertura. Unha ampla porcentaxe deste envases están contaminados pola mala manipulación.
- Estirar suavemente a pel da pálpebra inferior como segue: coller unha gasa limpa e colocala sobre o pómulo do paciente (isto ha de facerse para que a gasa absorba o medicamento que reborde, de ser o caso) co dedo índice da man non dominante apoiado na gasa premer suavemente cara abaixo, de tal maneira que quede exposto o saco conxuntival. É importante indicarlle ao paciente que procure mirar cara a arriba para que se reduza o pestanexo.
- Administre a medicación.
As vías de administración de fármacos en oftalmoloxía son:
Vía tópica: é a máis estendida, lévase a cabo mediante pingas, xeles ou ungüentos. É ideal para o tratamento da patoloxía do segmento anterior, xa que os fármacos administrados deste xeito penetran adecuadamente na conxuntiva, a córnea e o iris. Sen embargo, é difícil conseguir concentracións adecuadas de fármacos na retina ou na coroides mediante esta vía. Por convenio, os tapóns dos botes de colirio teñen un código de cor para a súa rápida identificación e para evitar errores; así, os anestésicos teñen tapón amarelo, os midriáticos vermello, os mióticos verde, e o resto (antibióticos, lágrimas artificiais, etc.) branco.
Instilación das pingas oftálmica
- Desbotamento da primeira gota.
- Coa man dominante descansando sobre a fronte do paciente, sosteña o contapingas ou o frasco co medicamento 1-2 cm por enriba do saco conxuntival. Ao ter a man apoiada e o recipiente a esa distancia, prevéñense tanto os traumatismos como as infeccións.
- Instile o medicamento no centro do fondo do saco conxuntival. Aplicar as pingas no saco conxuntival. Non facelo nunca directamente sobre a córnea para evitar molestias no paciente. Os medicamentos empregados para a lubricación da córnea e as pingas de anestesia local son a excepción a esta técnica, colócanse directamente enriba do ollo.
- Cunha gasa, aperte firmemente sobre o conduto lacrimal durante 30-60 segundos. Deste xeito prevense o rebordo cara ás vías nasais e cara á farinxe e a absorción á circulación sistémica.
Administración da pomada oftálmica
- Desbote a primeira porción da pomada.
Coa man dominante, aplique unha tira fina e uniforme de pomada no saco conxuntival, desde o canto interno ao canto externo do ollo. Manteña unha distancia de 1-2 cm entre o tubo e o saco conxuntival, co fin de evitar os traumatismos e as infeccións.
Ao chegar ao canto externo, xire levemente o tubo en sentido contrario (con iso facilítase o desprendemento da pomada); limpar cunha gasa a pomada sobrante.
- Pídalle ao paciente que peche as pálpebras con suavidade, pero sen apertalas. Así, o medicamento distribuirase uniformemente polo ollo.
- Cando o tratamento é múltiple con administración de diferentes colirios á mesma hora, a administración de cada un deles debe realizarse polo menos cun intervalo de 5 minutos. Indicar ao paciente que pestanexe e non realizar lavado de ollos entre as aplicacións.
- Retirar o que sobre da medicación cunha gasa (sempre dende o canto interno ao canto externo do ollo).
- Colocar un apósito oftálmico se está indicado.
- Cerrar o frasco asegurando unha técnica aséptica para evitar a contaminación.
- Axudarlle ao paciente a adquirir a postura cómoda.
- Recoller o material empregado e proceder a súa limpeza ou eliminación no contedor adecuado.
- Quitar as luvas e realizar un lavado hixiénico das mans.