A ventilación mecánica non invasiva (VMNI) é a utilización dun dispositivo artificial de soporte ventilatorio parcial, xa que combina unha presión controlada con respiración espontánea libre durante todo o ciclo de respiración, na que as presións aéreas resultantes son distintas ás que se obteñen na respiración espontánea do paciente.
Os sistemas de ventilación mecánica xeran unha presión positiva intermitente mediante a cal insuflan aire ou unha mestura gasosa enriquecida en osíxeno na vía aérea do paciente, o que permite axustes independentes das presións inspiratorias e expiratorias.
As interfases son os dispositivos que fan posible a adaptación entre o paciente e o ventilador mecánico. Selan a vía aérea do enfermo, comunicándoa co ventilador mecánico.
Modos ventilatorios
Durante a aplicación da VMNI pode utilizarse practicamente calquera modo ventilatorio, pero os máis frecuentes son a presión positiva continua na vía aérea e o dobre nivel de presión.
Presión positiva continua na vía aérea:
As siglas anglosaxonas CPAP representan os termos continuous positive airway pressure; é dicir, “presión positiva continua na vía aérea”. Isto significa que o paciente está respirando espontaneamente en niveis supraatmosféricos de presión, tanto na inspiración coma na expiración.
Os efectos fisiolóxicos da CPAP son fundamentalmente catro:
Incremento na capacidade residual funcional
Diminución do traballo respiratorio
Efectos cardiovasculares
Mantemento permeable da vía aérea
Dobre nivel de presión
As siglas BiPAP (bilevel positive airway pressure) refírense á aplicación de dous niveis de presión sobre a vía aérea: presión inspiratoria (IPAP) e expiratoria (EPAP). O seu obxectivo é poñer en descanso o músculo respiratorio e aumentar o volume minuto.