Prevención de ITU asociada a sondaxe vesical

Prevención de ITU asociada a sondaxe vesical

Mantemento da sonda vesical para prevención de ITU asociada a sondaxe vesical.

​ 

  • Realizar hixiene de mans inmediatamente antes e despois de calquera manipulación do catéter (categoría IA).
  • Manter sempre un sistema de drenaxe pechado (categoría IB).
  • Manter a bolsa sempre por debaixo do nivel da vexiga (categoría IB).
  • Non apoiar a bolsa no chan (categoría IB).
  • Facer hixiene rutineira do meato uretral durante o tempo que dure a sondaxe con auga e xabón (categoría IB). Débese evitar a limpeza máis frecuente do meato uretral ou a aplicación de pomadas antibacterianas neste (categoría IB).
  • Lavar a sonda eliminando os restos acumulados sempre en sentido anteroposterior.
  • Observar periodicamente a permeabilidade da sonda. Manter o fluxo urinario sen obstrución (categoría IB).
  • Baleirar a bolsa colectora de urina regularmente, sen esperar a que se encha completamente (recoméndase facelo cando chega aos 2/3 da súa capacidade), usar un recipiente limpo de uso exclusivo para cada paciente, evitar salpicaduras e o contacto da espita de drenaxe co recipiente non estéril (categoría IB). O recipiente limparase tras cada uso seguindo o procedemento de limpeza do centro e as recomendacións de Medicina Preventiva se as houber.
  • Non se recomenda o cambio rutineiro da sonda ou da bolsa de drenaxe a intervalos fixos. Seguir as especificacións do fabricante da sonda. Cambiar só se hai indicación clínica de infección, obstrución, ou cando se ten comprometido o sistema pechado (categoría II).
  • Fixar e rotar o tubo de drenaxe diariamente. Se precisan mobilizar a sonda debe facerse en sentido xiratorio para evitar adherencias, nunca de dentro para fóra ou viceversa (categoría IB).
  • Salvo que se prevexa obstrución (como no caso da cirurxía prostática ou de vexiga) non se recomenda a irrigación vesical, para non alterar o sistema de drenaxe pechado. Se está previsto que poida suceder, recoméndase un sistema pechado de irrigación continua, a través dunha sonda de tres vías (categoría II).

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde