0 comentarios comentarios

Procedemento de adm. de medicación por v.inhalatoria

.

​  Preparación previa:

  • Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  • Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
  • Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vai realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcar a súa utilidade, usar unha linguaxe comprensible e resolver as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlle o procedemento aos pais (Grao B) (nivel de evidencia III).
  • Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  • Seguindo os cinco principios de administración da medicación verificar: fármaco, dose, vía, hora e paciente correcto. Asegurarse que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco.
  • Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  • Colocar en posición axeitada.
  • Realizar hixiene de mans (categoría IA) (nivel de evidencia I).
  • Proceder a administración do fármaco.
Inhaladores en cartucho presurizado
  1. O paciente debe estar de pé ou sentado para permitir a máxima expansión torácica.
  2. Destapar o cartucho e soster o inhalador en posición vertical (en forma de L).
  3. Suxeitar o cartucho entre os dedos índice e polgar (índice arriba e polgar abaixo) e axitalo para facer unha boa mestura do propelente e o medicamento.
  4. Realizar unha expiración (baleirar o aire dos pulmóns) lenta e profunda.
  5. Colocar a boquilla do inhalador na boca, apertando firmemente os beizos.
  6. Inspiración lenta e profunda (a inhalación lenta reduce o depósito de partículas nas vías respiratorias superiores), sen que interfira a lingua. Unha vez iniciada a inspiración, premer o cartucho unha soa vez. É moi importante realizar a pulsación do inhalador logo de iniciar a inspiración. Seguir inspirando lenta e profundamente.
  7. Retirar o cartucho da boca e aguantar a respiración durante uns 10 segundos (facilita o máximo depósito das partículas do medicamento e reduce a cantidade de dose inhalada que se exhala).
  8. Expirar lentamente como nunha respiración normal.
  9. Se ten que tomar outra dose, esperar 30 seg. e repetir a técnica.
  10. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  11. Limpar a boquilla do inhalador cun pano seco, tapar e gardalo a T.ª ambiente en sitio seco.

Inhaladores en cartucho presurizado con cámara espazadora

  1. O paciente debe estar incorporado ou semiincorporado.
  2. Destapar o cartucho presurizado, poñelo en posición vertical e axitalo.
  3. Axustar o cartucho no orificio da cámara.
  4. Selar os beizos ao redor da boquilla da cámara ou no caso de nenos menores de 3-4 anos utilizar unha máscara que abarque a boca e o nariz, asegurar un bo selado, e a continuación pulsar o cartucho presurizado.
  5. Realizar de 6-7 respiracións tranquilas por cada pulsación sen separar a boca da cámara.
  6. Se ten que tomar máis dose, esperar 30 seg. e repetir a técnica.
  7. Colocar a tapa do inhalador e gardalo en lugar seguro e seco.
  8. Unha vez finalizada a manobra, lavar a cara e enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  9. Desmontar a cámara e lavar todas as pezas con auga e xabón suave, deixala secar o aire, e gardala nun sitio seco e sen po.

 Modelos de camaras.pdfModelos de camaras.pdf

Inhaladores de po seco: (Turbuhaler, Accuhaler, Aerolizer)

Sistema Turbuhaler

  1. Sacar a tapa que cobre o inhalador e poñelo vertical.
  2. Realizar un xiro na base a dereita (tope) e a continuación un á esquerda (click).
  3. Selar a boquilla cos beizos e inspirar profundamente, conter a respiración contando ata 10 lentamente, despois expirar lentamente polo nariz e retirar o dispositivo da boca.
  4. En caso de ter que administrar máis de unha dose, esperar 30 seg. entre cada dose.
  5. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  6. Limpar a boquilla do inhalador cun pano seco, tapar e gardalo a T.ª ambiente en sitio seco.

Sistema Accuhaler 

  1. Destapar a boquilla.
  2. Pulsar o gatillo lateral cara abaixo.
  3. Selar a boquilla cos beizos e inspirar profundamente, conter a respiración contando ata 10 lentamente, despois expirar lentamente polo nariz e retirar o dispositivo da boca.
  4. En caso de ter que administrar máis dunha dose, esperar 30 seg. entre cada dose.
  5. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  6. Limpar a boquilla do inhalador cun pano seco, tapar e gardalo a T.ª ambiente en sitio seco.

Precaucións:

Comprobar que teña dose (mirando na ventá o número). 

Sistema Aerolizer

  1. Retirar a caparucha que cobre o inhalador.
  2. Soster o inhalador en posición vertical.
  3. Abrir a parte superior do inhalador e colocar no seu interior unha cápsula do fármaco.
  4. Premer as pestanas laterais varias veces asegurándose de perforar a cápsula do interior.
  5. Facer unha expiración lenta e profunda.
  6. Colocar a boquilla entre os dentes e apertar os beizos.
  7. Aspirar enérxica e profundamente, conter a respiración 10 seg., se o desexa pode inspirar varias veces ata baleirar o contido da cápsula.
  8. Tirar a cápsula usada, limpar a boquilla do inhalador cun pano seco, tapar e gardalo a T.ª ambiente en sitio seco.
  9. Enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.


Precaucións:

Comprobar sempre que a cápsula queda baleira.

 

Nebulizadores con toma de osixeno
 
  1. Poñer as luvas.
  2. Colocar o paciente en posición sentada de Fowler ou semiFowler.
  3. Comprobar que a vía aérea está permeable, libre de secrecións.
  4. Colocar a medicación e o soro fisiolóxico prescrito no recipiente nebulizador.
  5. Conectar o caudalímetro a toma de aire osíxeno.
  6. Conectar o nebulizador ao caudalímetro directamente (sen pasar polo humidificador).
  7. Axustar a máscara ao paciente mantendo o nebulizador en posición vertical.
  8. Regular o fluxo de osíxeno aire de 6 a 8 litros/minuto ata observar a saída da solución nebulizada (Grao de recomendación D).
  9. Pasado o tempo prescrito de tratamento, (10-15 minutos), agás se a nebulización leva antibiótico ou corticoides que entón deberá pasar en 20 minutos, debe pechar a saída de osíxeno e retirar o equipo.
  10. Lavar a cara e enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  11. Desbotar o dispositivo, xa que é de uso único, no caso dos pacientes hospitalizados poderase usar durante 48 horas, deberá estar etiquetado co nome do paciente e coa data, despois de cada uso limpar o vaso nebulizador con auga e deixalo secar o aire.
  12. Retirar as luvas.
  13. Realizar a hixiene de mans.

 

Observacións:
 
Non golpear o contedor nebulizador, porque se alteran as partículas.
 
Dilución de Salbutamol: - Adultos: 1 ml /4 ml. de soro fisiolóxico
  • Nenos: 0,5 ml /4 ml. de soro fisiolóxico
Broncodilatadores e corticoides pódense administrar xuntos na mesma nebulización.
 
Para calquera mestura, o máis aconsellable é mesturar inmediatamente, antes de utilizar, e observar que non se produce turbidez, precipitación ou cambio de color.

 

Manexo e precaucións co O2
 
 
  • Vixiar que as conexións do circuíto ao paciente no teñan cóbados.
  • Non fumar na habitación onde se encontre o equipo de O2.
  • Non administrar O2 cerca de punto incandescente: cociñas, radiadores eléctricos, estufas de butano...
  • Non poñer en contacto un produto graxo co O2: pomadas, cremas, vaselinas dado o alto risco de inflamación.
  • Non manipular o equipo do O2.
  • Non empregar ningún dispositivo que produza chispas na habitación onde está o O2.
  • Ventilar a habitación onde se administre o O2.
  • Non se debe empregar o O2 como aire comprimido (inchar globos, pelotas...).
  • A bombona de O2 debe de estar colocada nun lugar plano e que non interfira o paso.
 
Nebulizadores eléctricos
 
Úsanse principalmente nos domicilios dos pacientes.
 
  1. Abrir a cápsula nebulizadora, introducir a medicación prescrita e pechar a tapa.
  2. Conectar a cápsula ao nebulizador, e este á rede.
  3. Conectar a mascara ou pipa á cápsula e colocarlla ao paciente.
  4. O rematar a nebulización lavar a cara e enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  5. Lavar con auga corrente a mascara e a cápsula nebulizadora, e deixar secar ao aire.

Precaucións:
Comprobar que o nebulizador funcione ao conectalo á rede

 


 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio