Definicións adm. v. rectal

Definicións adm. v. rectal

.

Administración de medicamentos: dar a unha persoa unha única dose de medicamento. A administración medicamentosa é un procedemento mediante o cal se proporciona un medicamento a un paciente.


Enemas: líquidos que se introducen por vía rectal na porción terminal do intestino. Pódense empregar como evacuantes (enemas de evacuación ou de limpeza, que son os máis frecuentes), para exercer unha acción local ou sistémica (enemas de retención) ou con fins diagnósticos (enemas con substancias radioopacas). Cando o volume que se vai administrar é pequeno, denomínanse microenemas.


Evento adverso (EA): un incidente con danos (evento adverso) é un incidente que causa dano ao paciente. Calquera acontecemento adverso que poida presentarse durante o tratamento con un medicamento, pero que non ten necesariamente unha relación causal con ese tratamento.


Medicamento: substancia que, administrada interior ou exteriormente a un organismo animal, serve para curar ou aliviar a enfermidade e corrixir ou reparar as súas secuelas.


Reacción adversa medicamentosa (RAM): unha resposta que é nociva e non intencionada,  que se produce a doses normalmente utilizadas nos seres humanos para a profilaxe, diagnóstico ou tratamento da enfermidade, ou para a modificación dunha función fisiolóxica. Unha reacción adversa a un medicamento, a diferenza dun evento adverso, caracterízase pola sospeita dunha relación de causalidade entre o medicamento e o suceso, é dicir, xúlgase que foi posiblemente relacionada co tratamento.


A toxicidade, os efectos secundarios e os efectos colaterais son tipos de RAM. Un efecto secundario é un efecto coñecido, distinto do desexado primordialmente e relacionado coas propiedades farmacolóxicas dun medicamento.


Supositorio: preparación medicamentosa de forma cónica ou ovoidea, alongada e de consistencia sólida, capaz de fundirse á temperatura fisiolóxica do recto ou de solubilizarse nos líquidos orgánicos. Adminístrase coa intención de exercer unha acción local ou sistémica (por absorción á circulación xeral).


Vía de administración: ruta de entrada ou medio polo que os medicamentos son introducidos no organismo.


Vía rectal: vía de administración de medicamentos ou solucións no interior do recto, a través do ano.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde