0 comentarios comentarios

Definición. Adm. medicación ótica

                        

Medicamento: substancias que se utilizan ou se administran para restaurar, corrixir ou modificar funcións fisiolóxicas do organismo ou para establecer un diagnóstico médico.
 
Medicamento de uso humano: toda substancia ou combinación de substancias que presente propiedades para o tratamento ou a prevención de enfermidades en seres humanos, ou que se pode usar ou administrar a seres humanos. A súa finalidade é restaurar, corrixir ou modificar as funcións fisiolóxicas, cunha acción farmacolóxica, inmunolóxica  metabólica, ou establecer un diagnóstico médico.
 
Principio activo: toda materia, calquera que sexa a súa orixe —humana, animal, vexetal, química ou doutro tipo—,á cal se lle atribúe unha actividade apropiada —terapéutica— para constituír un medicamento.
 
Excipiente: materia que, incluída nas formas galénicas, se engade aos principios activos ou ás súas asociacións para servirlles de vehículo, posibilitar a súa preparación e estabilidade, modificar as súas propiedades organolépticas ou determinar as propiedades fisicoquímicas do medicamento e a súa biodispoñibilidade.
 
Forma galénica ou forma farmacéutica: a disposición á que se adaptan os principios activos e os excipientes para constituír un medicamento. Defínese pola combinación da forma en que o produto farmacéutico é presentado polo fabricante e a forma en que é administrado.
 
Medicamento xenérico: todo medicamento que teña a mesma composición cualitativa e cuantitativa en principios activos e a mesma forma farmacéutica, e cuxa bioequivalencia co medicamento de referencia fose demostrada por estudos axeitados de biodispoñibilidade.
 
Biodispoñibilidade: alude á fracción, á velocidade e a que doses un farmaco alcanza a súa diana terapéutica, o que implica chegar ata o tecido sobre o que realiza a súa actividade. Tómase como valor aproximado a concentración plasmática deste fármaco e compárase coa concentración plasmática que alcanza para ese mesmo preparado unha inxección intravenosa. Este cociente é ao que lle chamamos biodispoñibilidade.
 
Vía de administración: ruta de entrada ou medio polo que os medicamentos son introducidos no organismo.
 
Administración de medicamentos: darlle a unha persoa unha única dose de medicamento.
 
Administración de medicamentos por vía ótica: introdución (instilación) dun fármaco en forma de gotas polo conduto auditivo.
 
Manexo de medicamentos: recepción, almacenaxe, manipulación, subministración, administración, dirección e monitorización de medicamentos.
 
Monitorización de medicamentos: comprobación, avaliación, observación e rexistro da administración de medicamentos, incluídos os resultados terapéuticos dos medicamentos.
 
Reacción adversa medicamentosa (RAM): calquera efecto nocivo, non desexado e non intencionado, dun medicamento que aparece a doses utilizadas en humanos con fins profilácticos, diagnósticos ou terapéuticos (OMS).
A toxicidade, os efectos secundarios e os efectos colaterais son tipos de RAM.
 
Evento adverso (EA): é a lesión ou o dano non intencional que se lle produce a un doente como resultado dunha asistencia sanitaria e non da enfermidade de base do doente.
 
Evento adverso medicamentoso (EAM): calquera dano resultante da administración dun medicamento.
 
Erro de medicación: son incidentes evitables que ocorren cando aos pacientes se lles dan medicamentos erróneos, nunha forma ou dose errónea, nun momento inadecuado, e debido a un erro no proceso de prescrición, dispensa e administración.

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio