Procedemento. Nutrición enteral SNG

.

 - Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.

- Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
- Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento a realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcar a súa utilidade, usar unha linguaxe comprensible e resolver as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlle o procedemento aos pais (Grao B).
- Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
- Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
- Comprobar alerxias do paciente.
- Verificar que temos rexistro de peso e talla. No caso contrario pesar e tallar se as condicións do paciente o permiten.
- Colocar o paciente en posición axeitada: incorporar a cabeceira da cama 30-45º (posición de SemiFowler) ou sentalo se a súa patoloxía o permite (nivel I).
- Colocar unha toalla ou babeiro sobre o tórax ou o abdome, dependendo da localización da sonda.
- Realizar hixiene de mans (categoría IA) (nivel de evidencia I).
- Preparar o material comprobando: que a fórmula da alimentación é a prescrita, o paciente é o indicado, a dose, vía de administración, caducidade da fórmula e a integridade do envase.
- Purgar o equipo de infusión en caso de perfusión por gravidade ou por bomba.
- Pór luvas non estériles.
- Comprobar a correcta colocación da sonda nasogástrica, gastrostomía ou xexunostomías segundo sexa o caso:
· Antes de cada toma (nivel IV).
· Antes da administración de medicamentos.
· Na alimentación continua, polo menos unha vez cada 8 horas.
A. Verificar a marca da medición NOX e/ou medir a lonxitude externa da sonda e comprobar coincidencia co rexistrado no plan de coidados. Método de verificación secundaria, esta técnica ten un valor limitado e só proporciona unha estimación de se o tubo se moveu, pero non indica a posición da punta distal.
B. Aspirar contido gástrico para avaliar as características do aspirado e medir o pH gástrico con tiras reactivas. A evidencia dun pH ≤ 4 determinado con tiras reactivas confirma a correcta colocación da sonda no estómago. Un pH entre 4 e 5,5 pode ser indicativo de que a sonda se atope a nivel esofáxico e sería necesario confirmar a posición correcta mediante radiografía.
C. A verificación radiolóxica tras a colocación da sonda nasogástrica, recoméndase para aqueles pacientes considerados de alto risco: pacientes pediátricos, a unidade de coidados intensivos cardíacos, pacientes con alteracións de nivel de conciencia, e os pacientes con problemas na deglutición e antes de iniciar a alimentación se indicación médica.
D. No caso das gastrotomías e xexunostomías: comprobar a suxeición.
- Comprobar a permeabilidade da SNG ou de gastrostomía: irrigue a zona con auga a temperatura ambiente antes de iniciar a alimentación (nivel II).
- Comprobar a tolerancia verificando o residuo gástrico (antes de cada subministración na alimentación intermitente e cada 8 horas na administración continua).
· Se o residuo é entre 150/2008 ml (nivel I) en adultos ou maior de 1/3 da toma en nenos reintroducir no estómago para evitar que se produza un desequilibrio electrolítico e esperar unha hora (dúas horas en pacientes críticos). Volver a medir: se persiste, notificaráselle ao médico.
· Se o residuo é menor de 150 ml (nivel I) en adultos ou 1/3 da toma en nenos
reintroducir no estómago e administrar a alimentación segundo prescrición.
- Administrar a alimentación segundo o seguinte:
 
ADMINISTRACIÓN INTERMITENTE EN BOLO
A. Administrar 30 ml de auga a temperatura ambiente antes de introducir a alimentación (nivel II).
B. Cargar a xiringa coa NE e conectala ao extremo da sonda, administrando o volume prescrito lentamente, exercendo unha presión constante sobre o émbolo.
 
POR GRAVIDADE:
A. Administrar 30 ml de auga a temperatura ambiente antes de introducir a alimentación (nivel II).
B. Colgar a bolsa ou frasco de NE a non máis de 45 cm por riba da cabeza do paciente nun soporte ou pau de goteiro e conectar o extremo do equipo á sonda. Cando o colector
se sitúa nunha posición excesivamente elevada, aumenta a velocidade de fluxo; a infusión rápida pode provocar diarrea/aspiración.
C. Abrir o regulador a un ritmo non superior a 20 ml/minuto.
 
ADMINISTRACIÓN EN PERFUSIÓN CONTINUA
A. Colgar a bolsa de alimentación no soporte.
B. Conectar o sistema de infusión ao extremo distal da sonda e programar na bomba de infusión o ritmo e volume a infundir.
- Administrar auga a temperatura ambiente segundo prescrición, tras cada toma na administración intermitente ou cada vez que se cambie a nutrición na perfusión continua (nivel II).
- Manter o paciente en posición de Fowler, despois da administración da nutrición enteral, durante 60 minutos para evitar complicacións(broncoaspiración, regurxitación…) (nivel I).
- Desbotar e recoller o material utilizado.
- Retirar as luvas e lavado de mans rutineiro.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio