Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento a realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcar a súa utilidade, usar unha linguaxe comprensible e resolver as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlles o procedemento aos pais. (Grao B)
Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
Seguindo os cinco principios de administración da medicación verificar: fármaco, dose, vía, hora e paciente correcto. Asegurarse de que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco.
- Comprobar a prescrición coa etiqueta do fármaco e que ambas as dúas están claramente escritas. Comprobar ademais a data de caducidade e a súa axeitada conservación, data de apertura, a integridade deste e a ausencia de partículas en suspensión. (Grao B).
- Coñecer os efectos dos medicamentos e en función do fármaco que se vai utilizar, valorar a posible repercusión nos signos vitais, glicemia capilar, nivel de consciencia... antes da súa administración.
- Preparar a medicación para a súa administración de forma individualizada, e o que a prepare será o encargado de administrala, exceptuados os casos de elaboración ou mestura por parte do servizo de farmacia.
- Realizar lavado hixiénico de mans ou uso de solución hidroalcohólica (Categoría IA).
- Poñer luvas.
- Antes do inicio do procedemento, ofrecer a posibilidade de ir ao baño.
- Colocar o paciente na posición de Sims (decúbito lateral esquerdo coa perna dereita flexionada por riba da esquerda), sempre que sexa posible.
- Colocar cuña no caso de administrar enema.
- Separar as nádegas do paciente coa man non dominante expoñendo o ano.
- Pedir ao paciente que realice inspiracións lentas e profundas para relaxar o esfínter anal.
- Introducir o supositorio (debe estar frío a fin de que non perda a consistencia o que dificultaría a introdución) ou cánula lubricada no recto suavemente e dirixilo a través da parede en dirección ao embigo, no caso de administrar supositorios superar o esfínter anal interno e introducir o ápice primeiro se queremos efecto local e pola base se pretendemos efecto sistémico.
- No caso de utilizar una solución rectal (microenema medicamentoso) inserir a cánula no ano, previamente lubricada, premer mantendo o microenema na posición inclinada e retiralo sen deixar de exercer a presión.
- No caso de cánula comprimir o tubo para expulsar o medicamento a través do ano o recto.
- Indicarlle ao paciente que reteña a medicación. No caso de que non aguante o espasmo ou en pacientes pediátricos apertaremos as nádegas.
- Unha vez rematado limpar a zona rectal e permitir que o enfermo descanse nunha posición cómoda.
- Retirar as luvas e hixienizar as mans.