0 comentarios comentarios

Procedemento adm. medicación vía ótica

Procedemento

  1. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respectar a intimidade do enfermo e gardar a confidencialidade dos seus datos.
  3. Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se ha realizar e, de ser posible, solicitar a súa colaboración, insistindo na súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, explicarlles o procedemento aos pais (grao B).
  4. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  5. Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  6. Seguindo os cinco principios de administración da medicación, verificar o fármaco, a dose, a vía, a hora e o paciente correcto. Asegurarse de que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco.
  7. Comprobar a prescrición coa etiqueta do fármaco e que ambas as dúas estean claramente escritas. Verificar, ademais, a data de caducidade (grao B).
  8. Asegurar que todo o equipamento necesario está á man.
  9. Realizar un lavado hixiénico das mans (categoría IA).
  10. Poñer luvas.
  11. Colocar o paciente en decúbito lateral, sobre o lado contrario ao oído onde se instilase a medicación, ou sentado, coa cabeza inclinada cara ao lado oposto.
  12. Limpar o pavillón auricular cunha gasa humedecida non só para remover secrecións, senón para limpar de corpos estraños.
  13. Abrir o envase que contén o fármaco e deixar a tapa boca arriba, de maneira que non se contaminen os bordos.
  14. Aliñar o conduto auditivo estirando suavemente o pavillón da orella, nos adultos en dirección cara arriba e cara atrás e nos nenos cara abaixo e cara atrás.
  15. Instilar as gotas e deixar que estas esvaren pola parede do conduto auditivo. O contagotas non debe tocar o pavillón auricular.
  16. Pedirlle ao paciente que permaneza en decúbito lateral, de 5 a 10 minutos. Esta posición permite que o fármaco descenda polo conduto auditivo.
  17. Se houbese que administrar o fármaco en ambos os oídos, hai que facelo dunha maneira secuencial e deixar transcorrer 5 minutos entre as dúas administracións. Deste xeito, evítase a saída do medicacmento e favorece que o oído externo se impregne adecuadamente.
  18. Limpar en caso de que o oído rezume.
  19. Cerrar o frasco de modo aséptico, co fin de evitar que se produza calquera tipo de contaminación.
  20. Axudarlle ao paciente a que adopte a postura previa.
  21. Quitar as luvas e realizar o lavado hixiénico das mans.

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio