Definicións. Adm. medicación por vía intradérmica

1 comentarios comentarios

Definicións. Adm. medicación por vía intradérmica

.

Administración de medicamentos: procedemento mediante o cal se lle proporciona un medicamento a un paciente. Debe realizalo persoal sanitario cualificado e débese garantir a seguridade do paciente.
 
Biodispoñibilidade: alude á fracción e á velocidade á que a dose administrada dun fármaco alcanza a súa diana terapéutica, o que implica chegar ata o tecido sobre o que realiza a súa actividade. Tómase como valor aproximado a concentración plasmática do dito fármaco e compárase coa concentración plasmática que alcanza para ese mesmo preparado unha inxección intravenosa. Este cociente é o que chamamos biodispoñibilidade.
 
Erro de medicación: son incidentes evitables que ocorren cando aos pacientes se lles dan medicamentos erróneos, na forma ou dose errónea, no momento inadecuado, debido a un erro no proceso de prescrición, dispensación e administración.
 
Evento adverso (EA): é a lesión ou dano non intencional que se lle produce a un doente como resultado dunha asistencia sanitaria e non da enfermidade de base do doente.
 
Evento adverso medicamentoso (EAM): calquera dano resultante da administración dun medicamento.
Excipiente: materia que, incluída nas formas galénicas, se engade aos principios activos ou ás súas asociacións para servirlles de vehículo, posibilitar a súa preparación e estabilidade, modificar as súas propiedades organolépticas ou determinar as propiedades fisicoquímicas do medicamento e a súa biodispoñibilidade.
 
Forma galénica ou forma farmacéutica: a disposición á que se adaptan os principios activos e excipientes para constituír un medicamento. Defínese pola combinación da forma en que o produto farmacéutico é presentado polo fabricante e a forma en que é administrado.
 
Medicamento: substancia que se utiliza ou se administra co obxectivo de restaurar, corrixir ou modificar funcións fisiolóxicas do organismo ou para establecer un diagnóstico médico.
 
Manexo de medicamentos: recepción, almacenaxe, manipulación, subministración, administración, dirección e monitorización de medicamentos.
 
Medicamento de uso humano: toda substancia ou combinación de substancias que se presenten como posuidoras de propiedades para o tratamento ou prevención de enfermidades en seres humanos ou que se poidan usar en seres humanos ou administrar a seres humanos co fin de restaurar, corrixir ou modificar as funcións fisiolóxicas exercendo unha acción farmacolóxica, inmunolóxica ou metabólica, ou de establecer un diagnóstico médico.
 
Medicamento xenérico: todo medicamento que teña a mesma composición cualitativa e cuantitativa en principios activos e a mesma forma farmacéutica, e cuxa bioequivalencia co medicamento de referencia fose demostrada por estudos axeitados de biodispoñibilidade.
 
Monitorización de medicamentos: ferramenta con demostrada efectividade que consiste na determinación de fármacos específicos, a uns intervalos fixados, coa finalidade de manter unha concentración relativamente constante do fármaco no sangue. Utilízase, sobre todo, con fármacos que presentan un estreito rango terapéutico.
Pápula: é un levantamento circunscrito da pel de coloración pálida, con orificios foliculares dilatados, que dá un aspecto de “pel de laranxa” duns 5-10 mm.
 
Pel: é a membrana exterior que recubre o corpo do home e dos animais; nos animais vertebrados está formada por dúas capas: a epiderme e a derme, unidas en toda a súa extensión, a máis externa é a epiderme que apenas ten vascularización por iso ten que nutrirse da derme.
 
Principio activo ou fármaco: toda materia calquera que sexa a súa orixe (humana, animal, vexetal, química ou doutro tipo) á cal se lle atribúe unha actividade apropiada para constituír un medicamento. Son os que teñen actividade terapéutica.
 
Reacción adversa medicamentosa (RAM): calquera efecto nocivo, non desexado, non intencionado, dun medicamento que aparece en doses utilizadas en humanos con fins profilácticos, diagnósticos ou terapéuticos (OMS) .
 
Vía de administración: ruta de entrada ou medio polo que os medicamentos son introducidos no organismo.
 
Vía intradérmica: é unha das catro vías parenterais que existen para a administración de fármacos, xeralmente anestésicos locais. É tamén o acceso que se emprega para a realización dalgunhas probas diagnósticas ou probas cutáneas para definir se se é alérxico ou non a determinadas substancias.
A administración de substancias por esta vía consiste na introdución dunha solución na capa superficial da pel, coa característica da formación dun avultamento pálido en forma de pel de laranxa, que asegura que a substancia se administrou correctamente.
A toxicidade, os efectos secundarios e os efectos colaterais son tipos de reacción adversa medicamentosa (RAM).

 

Comentarios:
  • avatar Mariana dixo:
    sábado, 6 de marzo 2021 ás 00:01
    Hay una especificación para administrar diferentes tipos de medicamentos ; en las 4 faces de la intradermica,intravenosa,subcutánea,intramuscular.Que medicamentos se suministra en cada una.
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde