Definicións adm. v. rectal

.

​ 

Medicamento: substancias que se utilizan ou se administran co obxectivo de restaurar, corrixir ou modificar funcións fisiolóxicas do organismo ou para establecer un diagnóstico médico.
 
 
Principio activo: toda materia, calquera que sexa a súa orixe (humana, animal, vexetal, química ou doutro tipo) á cal se lle atribúe unha actividade apropiada para constituír un medicamento. Son os que teñen actividade terapéutica.
 
Excipiente: materia que, incluída nas formas galénicas, se engade aos principios activos ou ás súas asociacións para servirlles de vehículo, posibilitar a súa preparación e estabilidade, modificar as súas propiedades organolépticas ou determinar as propiedades fisicoquímicas do medicamento e a súa biodispoñibilidade.
 
Forma galénica ou forma farmacéutica: a disposición á que se adaptan os principios activos e excipientes para constituír un medicamento. Defínese pola combinación da forma en que o produto farmacéutico é presentado polo fabricante e a forma en que é administrada.
 
Medicamento xenérico: todo medicamento que teña a mesma composición cualitativa e cuantitativa en principios activos e a mesma forma farmacéutica, e cuxa bioequivalencia co medicamento de referencia fose demostrada por estudos axeitados de biodispoñibilidade.
 
Biodispoñibilidade: alude á fracción e á velocidade a que a dose administrada dun fármaco alcanza a súa diana terapéutica, o que implica chegar ata o tecido sobre o que realiza a súa actividade. Tómase como valor aproximado a concentración plasmática de dito fármaco e compárase coa concentración plasmática que alcanza para ese mesmo preparado unha inxección intravenosa. Este cociente é ao que chamamos biodispoñibilidade.
 
Supositorio: é unha preparación medicamentosa de forma cónica ou ovoidea, alongada e de consistencia sólida, capaz de fundirse á temperatura fisiolóxica do recto o de solubilizarse nos líquidos orgánicos.
 
Enemas: son formas galénicas líquidas, de composición variable, que teñen coma obxectivo a vehiculización dun principio activo (enema medicamentoso); baleirar a ampola rectal de feces (evacuantes) ou a realización de estudos de radiodiagnóstico (enemas opacos).
 
Síncope vasovagal: é a forma máis común de desmaio. Prodúcese por estimulación do nervio vago, o que ocasiona unha redución da frecuencia cardíaca e unha dilatación dos vasos sanguíneos do corpo por mediación do sistema parasimpático. Maniféstase por: palidez, sudación, pel fría, pupilas dilatadas e confusión mental.
 
Vía rectal: é a vía de administración de medicamentos ou solucións no interior do recto, a través do ano.
 
Pomadas ou espumas: son formas farmacéuticas consecuencia da utilización de graxas ou substancias de propiedades similares para aplicación de principios activos na pel. A diferenza fundamental coas cremas é a ausencia de auga na súa composición.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio