Ventilación mecánica non invasiva

Ventilación mecánica non invasiva

Procedemento actualizado en 2022
 

Este procedemento pretende proporcionar os coñecementos adecuados para o manexo e a atención a pacientes con ventilación mecánica non invasiva (VMNI). A utilización dun dispositivo artificial para axudar o paciente a conseguir un adecuado intercambio gasoso ten consecuencias na función respiratoria e a nivel hemodinámico, ao orixinarse unha ventilación mecánica diferente á ventilación espontánea. Tan importante como a dispoñibilidade dos recursos e a colaboración do paciente, a garantía de éxito da técnica está nos coñecementos adecuados e na dedicación do persoal sanitario.

O emprego da VMNI incrementouse nos últimos anos. É unha técnica que se utiliza en situación de fracaso respiratorio, co obxectivo de diminuír o traballo respiratorio, evitar a fatiga, aumentar o volume corrente e mellorar o intercambio gasoso. É o modo de soporte ventilatorio que mellora a ventilación alveolar e que pode evitar a ventilación mecánica invasiva (VMI) –a intubación endotraqueal ou a intubación a través dunha traqueostomía– e as súas complicacións potenciais.

As súas vantaxes respecto da VMI son moitas: o paciente mantense esperto, non require sedación, o paciente pode falar, tusir, expectorar, comer e beber; ademais facilita o destete precoz, evita a atrofia muscular e conserva os mecanismos de defensa na vía aérea, polo que reduce a taxa de morbimortalidade e a estancia hospitalaria nos pacientes con fallo ventilatorio agudo. Para os pacientes con fallo ventilatorio crónico, o soporte ventilatorio nocturno que lles proporciona a VMNI supón unha melloría significativa nos síntomas e nos parámetros fisiolóxicos. Reduce a duración da estancia hospitalaria, tanto na unidade de coidados intensivos (UCI) coma nas salas de hospitalización, e a taxa de mortalidade en pacientes con exacerbacións agudas da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e edema agudo de pulmón.

Os grupos de consenso estableceron recomendacións no sentido de que a VMNI debe considerarse a modalidade de primeira elección no tratamento de pacientes con descompensación da EPOC e aconsellan a súa dispoñibilidade en todos os hospitais que atenden estes pacientes.
Tes mais información sobre o procedemento nos distintos apartados da información asociada.
AUTORES:
  • Campos Chan, Lidia. Enfermeira. Supervisora de Procesos de Xestión. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Esperón Güimil, José Antonio. Enfermeiro. Centro de Saúde de Anafáns. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Argibay Cochón, Carlos. Enfermeiro. Servizo de Urxencias do Hospital Provincial. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • García Freijeiro Yolanda. Enfermeira. Supervisora de Unidade do Hospital Público do Salnés. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 
  • Bas Méndez, Montserrat. Enfermeira. Supervisora Xeral do Hospital Provincial. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Recamán Lagos, José Manuel. Enfermeiro. Centro de Saúde de Bueu. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Rosendo Fernández, José Manuel. Enfermeiro. Supervisor de Procesos de Coidados de Enfermería. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Sánchez Radío, Silvia Esther. Enfermeira. Supervisora de Docencia e Formación Continuada. Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.


REVISORAS:

  • Vázquez Martínez, Ana. Enfermeira. Supervisora da Unidade de Calidade. Hospital Público da Mariña. Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
  • Pérez Dinamarca, Andrea del Pilar. Enfermeira. UCI de pediatría. Hospital Universitario de Ourense. Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
  • Bermejo Montero, Lourdes. Enfermeira. UCI de adultos. Hospital Universitario de Ourense. Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
  • Dapena Álvarez, María José. Enfermeira. Unidade de Urxencias. Hospital Universitario de Ourense. Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.