Definicións. Tuberculina

0 comentarios comentarios

Definicións. Tuberculina

.

Mantoux: test cutáneo no que se introduce, a nivel intradérmico, extracto de Mycobacterium tuberculosis (PPD RT 23) e, posteriormente, realízase a medición da intradermorreacción.

Medicamento: substancias que se utilizan ou que se administran co obxectivo de restaurar, corrixir ou modificar funcións fisiolóxicas do organismo ou para establecer un diagnóstico médico.
 
Medicamento de uso humano: toda substancia ou combinación de substancias que se presente como posuidora de propiedades para o tratamento ou a prevención de enfermidades en seres humanos ou que se poida usar en seres humanos ou administrar a seres humanos, co fin de restaurar, corrixir ou modificar as funcións fisiolóxicas exercendo unha acción farmacolóxica, inmunolóxica ou metabólica, ou de establecer un diagnóstico médico.
 
Principio activo: toda materia calquera que sexa a súa orixe (humana, animal, vexetal, química ou doutro tipo) á cal se lle atribúe unha actividade apropiada para constituír un medicamento. Son os que teñen actividade terapéutica.
 
Excipiente: materia que, incluída nas formas galénicas, se engade aos principios activos ou ás súas asociacións para servirlles de vehículo, posibilitar a súa preparación e estabilidade, modificar as súas propiedades organolépticas ou determinar as propiedades fisicoquímicas do medicamento e a súa biodispoñibilidade.

 

Forma galénica ou forma farmacéutica: a disposición a que se adaptan os principios activos e excipientes para constituír un medicamento. Defínese pola combinación da forma en que o produto farmacéutico é presentado polo fabricante e a forma en que é administrada.
 
Medicamento xenérico: todo medicamento que teña a mesma composición cualitativa e cuantitativa en principios activos e a mesma forma farmacéutica, e cuxa bioequivalencia co medicamento de referencia fose demostrada por estudos axeitados de biodispoñibilidade.
 
Biodispoñibilidade: alude á fracción e á velocidade á que un fármaco alcanza a súa diana terapeútica o que implica chegar ata o tecido sobre o que realiza a súa actividade. Tómase como valor aproximado a concentración plasmática deste fármaco e compárase coa concentración plasmática que alcanza para ese mesmo preparado unha inxección intravenosa. Este cociente é ao que lle chamamos biodispoñibilidade.
 
Vía de administración: ruta de entrada ou medio polo que os medicamentos son introducidos no organismo.
 
Administración de medicamentos: darlle a unha persoa unha única dose dun medicamento.

 
Vía intradérmica: é unha das catro vías que existen para a administración de fármacos, xeralmente anestésicos locais. É tamén o acceso que se emprega para a realización dalgunhas probas diagnósticas ou probas cutáneas para definir se se é alérxico ou non a determinadas substancias.

Manexo de medicamentos: recepción, almacenaxe, manipulación, subministración,administración, dirección e monitorización de medicamentos.
 
Monitorización de medicamentos: a comprobación, avaliación, observación e rexistro da administración de medicamentos, incluídos os resultados terapéuticos dos medicamentos.

 

Reacción adversa medicamentosa (RAM): calquera efecto nocivo, non desexado e non intencionado dun medicamento que aparece a doses utilizadas en humanos con fins profilácticos, diagnósticos ou terapéuticos (OMS).
A toxicidade, os efectos secundarios e os efectos colaterais son tipos de RAM.

 

Evento adverso (EA): é a lesión ou dano non intencional que se lle produce a un doente como resultado dunha asistencia sanitaria e non da enfermidade de base do doente.
 
Evento adverso medicamentoso (EAM): calquera dano resultante da administración dun medicamento.
Erro de medicación: son incidentes evitables que ocorren cando aos pacientes se lles dan medicamentos erróneos, na forma ou dose errónea, no momento inaxeitado, debido a un erro no proceso de prescrición, dispensación e administración.
 
 
Tes mais información sobre o procedemento nos distintos apartados da información asociada

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde