Monofilamento para a determinación da neuropatía diabética

0 comentarios comentarios

Monofilamento para a determinación da neuropatía diabética

A Diabetes Mellitus (DM) é unha enfermidade metabólica crónica e progresiva que se acompaña dun risco aumentado de presentar varias complicacións sistémicas.
O pé diabético (PD) é unha das complicacións que maior impacto provoca nas persoas con diabetes mellitus pola súa repercusión na calidade de vida e o risco de sufrir amputación. Na etioloxía do PD actúan tres factores: a neuropatía, a isquemia e/ou infección.
A neuropatía produce perda da sensibilidade protectora no pé, aparición de deformidades que favorecen as presións anormais e trastornos de sudación que facilitan a aparición de feridas e úlceras tras pequenos traumatismos.
A detección precoz da neuropatía diabética (ND) e, por tanto, do pé de risco de lesión, asóciase á redución da incidencia de ulceracións do pé e a das amputacións.
Entre os métodos de detección da ND atópase a avaliación da sensibilidade superficial ou protectora mediante o emprego do monofilamento de Semmes-Weinstein. Trátase de monofilamentos calibrados de nailon, de forma que a súa aplicación sobre a pel corresponde a unha forza previamente determinada. É un test sinxelo, de baixo custo, de fácil aplicabilidade e reproducible que permite unha avaliación rápida (Nivel Ia).
A sensibilidade do monofilamento Semmes-Weinstein é do 66%-91% e a especificidade oscila entre o 23% e o 86%. O valor preditivo positivo da proba está entre o 34% e 86% e o valor preditivo negativo do 94% ao 95%.
Diferentes sociedades científicas implicadas no manexo da DM como a American Diabetes Association (ADA), National Institute for Health and Clinical Excellence (NICE), Asociación Profesional de Enfermeiras de Ontario (RNAO), ou a Guía de Práctica Clínica do Ministerio de Sanidade recomendan incluír, dentro da valoración de risco do pé diabético, a determinación da exploración da sensibilidade protectora co monofilamento.
A estandarización e unificación dos criterios para levar a cabo a exploración do pé mediante esta técnica reduce a variabilidade clínica e achega os profesionais a un diagnóstico correcto para a posible clasificación do pé de risco e poder levar a cabo a detección precoz.
 
Consulta as evidencias en:
 
Autores GAL.JPG

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde