Definicións. Coidados PICC

0 comentarios comentarios

Definicións. Coidados PICC

CDC: Center for Disease Control and Prevention. Organización pertencente ao goberno estadounidense, referencia mundial no control e prevención de enfermidades. Establecen criterios e recomendacións con alto nivel de evidencia e rigorosidade, e concretamente no campo de prevención de bacteriemias relacionadas co catéter venoso central.

Embolismo aéreo: consiste na entrada de aire no circuíto vascular, é unha complicación que se produce con máis frecuencia nas fases de inserción ou retirada do catéter, habitualmente por non clampar as liñas, permanecendo as cabezas abertas ao aire. Pode tamén producirse pola inxección de aire.
 
Flebite: inflamación da parede dunha vea debida á inflamación do endotelio e caracterizada pola presenza dos seguinte signos e síntomas: dor, eritema, sensibilidade, calor, inchazón, induración, purulencia ou cordón venoso palpable. Pode producirse por distintas causas: mecánicas, químicas ou infecciosas.
 
Heparina sódica: solución inxectable anticoagulante, indicada para realizar a selaxe dos catéteres venosos e arteriais evitando a formación de trombos e depósitos de fibrina.
 
INS (Infusion Nurses Society): organización norteamericana sen fins de lucro que aglutina todos os profesionais sanitarios que practican a infusión de solucións con fins terapéuticos. O seu obxectivo é ofrecer unha terapia de infusión de calidade a través de estándares de práctica clínica e ética profesional e promover a investigación e a educación na práctica da infusión.
 
MARSI (medical adhesive-related skin injuries): lesións cutáneas producidas polo uso de adhesivos sanitarios.
 
PICC (peripherally inserted central catéter): catéter central de media/longa duración de inserción periférica, fabricado xeralmente en poliuretano de terceira xeración ou silicona. A súa implantación debe ser realizada por persoal experto de enfermería ou facultativo. Introdúcese habitualmente mediante a técnica de micropunción Seldinger modificada, baixo unha guía ecográfica, en vea basílica, braquial, axilar ou cefálica e preferiblemente cun sistema de localización de punta. (A técnica “cega” está desaconsellada na actualidade). O seu extremo final debe estar situado ao redor da unión cavo-atrial.
 
Trombose: formación dun coágulo no interior dun vaso sanguíneo; pode obstruír un vaso superficial ou profundo dando orixe a complicacións menores ou maiores, respectivamente. Nunha extremidade, pode producir dor, rubefacción, inflamación, presenza de circulación colateral. Un tromboembolismo cardíaco ou pulmonar pode ser mortal.
 
Urokinasa: solución inxectable trombolítica indicada no mantemento do acceso vascular para desfacer coágulos de sangue que poden estar obstruíndo catéteres venosos ou arteriais.

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde