Coidados do reservorio subcutáneo

Coidados do reservorio subcutáneo

Procedemento actualizado no ano 2021​

 

Este procedemento pretende documentar os coidados que se lle van realizar ao paciente portador dun reservorio subcutáneo incorporando a mellor evidencia existente. A súa finalidade é a estandarización dos criterios de actuación e reducir a variabilidade clínica coa incorporación das mellores prácticas na actividade asistencial diaria dos profesionais, garantindo a seguridade, confort, así como a continuidade asistencial do paciente en todos os niveis asistenciais.
 
O reservorio venoso subcutáneo é un dispositivo que se coloca debaixo da pel, composto por unha cámara metálica e unha membrana de silicona, conectado mediante un catéter a unha vea de gran calibre. A este reservorio accédese por punción a través da pel intacta, e permite múltiples puncións. En moitas ocasións se lles chama polo seu nome comercial, como por exemplo “Port-A-Cath”
Anexo reservorio.JPG

Anexo Port-A-Cath.JPG

Este dispositivo ten facilitado a vida de moitos pacientes que levan a cabo tratamentos continuos ou de repetición, especialmente nos pacientes oncohematolóxicos, nos enfermos con accesos venosos difíciles e naqueles que por diferentes motivos requiren nutrición parenteral total.
 
Grazas a esta evolución tecnolóxica, increméntase a calidade de vida dos pacientes tanto pola maior facilidade de uso, como na redución do número de ingresos hospitalarios, mellorando así o balance custe/beneficio.

A colocación do reservorio subcutáneo está indicada en pacientes que requiran un acceso vascular continuo ou repetido para extraccións, hemodiálise, nutrición parenteral ou administración de medicacións, tales como quimioterapia, sangue ou derivados. En nenos menores de 4 anos, adóitase indicar no caso de necesitar unha vía central máis de 20 días, para a administración de nutrición parenteral, quimioterapia e extracción de mostras sanguíneas. 

O mesmo que en calquera outra técnica médico-cirúrxica, non están exentos de complicacións derivadas ben do implante, do emprego ou do mantemento no tempo destes dispositivos.
 
Polo tanto, para mellorar o benestar do paciente, reducindo a gran morbilidade, e  o importante custo sanitario que supoñen as bacteriemias relacionadas co catéter, débense implementar medidas multidisciplinarias destinadas a reducir a incidencia destas complicacións.

A estandarización da técnica de implante e a unificación de criterios á hora de realizar o mantemento destes por parte dos equipos sanitarios, tendo en conta que se trata dunha técnica estéril, reducirá o número de complicacións, sendo as infeccións unha das causas máis frecuentes, seguida das tromboses, obstrucións, extravasacións e migracións do catéter.

Os coidados de enfermería ao paciente con reservorio, son uns dos piares fundamentais para que o devandito dispositivo funcione correctamente e facilite a calidade de vida do paciente. Estes coidados abarcan tanto a punción do reservorio,  como os coidados postoperatorios e o correcto mantemento mediante a selaxe do dispositivo.
 
Autoras.JPG