Comprobacións previas:
-Presentarse ao paciente.
-Comprobar inequivocamente a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
-Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
-Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vai realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible. Usar unha linguaxe comprensible e resolver as posibles dúbidas e temores.
-Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
-Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
-Comprobar a existencia de alerxias.
-Realizar a hixiene das mans segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
-Colocar o paciente na postura adecuada: sentado ou deitado en semi-Fowler, brazo afecto estendido, separado do corpo.
Realizar hixiene de mans e colocación de luvas non estériles (CDC 2011; categoría IB).
Examinar o aspecto da pel no punto de inserción, e prestar atención a posibles edemas, infiltracións subcutáneas, afectacións cutáneas, supuración ou outros signos indicativos de complicacións.
Desinfección de tapóns fregando vigorosamente con gasa con alcohol isopropílico ao 70 % ou clorhexidina ao 2 % con alcohol isopropílico ao 70º ou solucións iodadas (INS 2016, grao II).
Antes de cada uso, comprobar permeabilidade e lavar con xiringa de 10 ml con SSF (INS 2016, grao IV)
Administración do fármaco en cuestión utilizando a xiringa adecuada ao seu volume, aínda que sexa inferior a 10 ml (INS 2016, grao V).
Pódese infundir contraste IV polos PICC de “alto fluxo”. Para saber que é deste tipo, na pinza, válvula ou catéter aparecen os ml/segundo que soporta o dispositivo. Se ten varios lumens, aparecerá marcado nun deles mediante CT, 4-6 ml/s ou PSI >325.
Se hai que administrar varios fármacos seguidos a través da mesma luz, lavar entre unha medicación e outra con 10 ml de SSF para evitar precipitados por incompatibilidades (INS 2016, grao V).
Recoméndase o uso de bombas de infusión para a administración de medicación e, sobre todo, para evitar oclusións no caso de hemoderivados, NP e outras medicacións de alta densidade (INS 2016, grao IV).
Lavado final con técnica push-stop–push.
Opcional: selado do lumen con heparina sódica.