Para ter en conta. Manexo da Pulsioximetría

0 comentarios comentarios

Para ter en conta. Manexo da Pulsioximetría

.

​    

  • En medicións continuas, rote o sensor de pinza de dedo cada 4 horas e o sensor de adhesivo desbotable cada 24 horas. Comprobe a integridade da pel, a adhesión apropiada e que a aliñación óptica é a correcta. Rexistre no lugar adecuado a hora e o lugar de rotación no que se coloca o sensor.
  • Non utilice o sensor durante a realización de resonancias magnéticas.
  • As lecturas baixas poden ser debidas á mala perfusión periférica por frío ambiental, hipotermia, hipotensión, vasoconstrición, shock, anemia importante, administración de medicación que produce vasoconstrición ou vasodilatación periférica ou contrastes radiolóxicos ou azul de metileno. Nestes casos, debe aplicarse calor, masaxes ou terapia local vasodilatadora, retirar a roupa axustada; no caso dos contrastes, debe esperarse á súa eliminación sistémica. Debe valorarse acudir á gasometría en sangue.
  • Se os sensores non están aliñados, o pulsioxímetro non proporcionará unha lectura precisa da saturación de osíxeno:

- Se o transdutor é para dedo pediátrico, sitúeo de forma que o dedo toque a punta deste, pero que non sobresaia. O cable debe quedar no dorso da man, fixándoo con cinta adhesiva, se é preciso. Nos dedos tamén pode utilizar pinza pediátrica.

- Se o transdutor é neonatal, poña a cinta cos sensores rodeando o dorso do pé ou da man, sen apertar demasiado e asegurándose de que os compoñentes ópticos queden enfrontados.

  • Se as medicións da pulsioximetría entran en contradición con outras valoracións relacionadas coa osixenación, póñao en coñecemento do médico.
  • Non coloque o sensor nos dedos das mans ou dos pés sen retirar primeiro o esmalte de uñas ou as uñas artificiais. Aínda que o esmalte de uñas non está demostrado que interfira no resultado, adóitase retiralo con acetona.
  • Valore o paciente co fin de detectar tremor ou movemento excesivo, para evitar desprazamentos ou interferencias na lectura de saturación de osíxeno.
  • O pulsioxímetro require un fluxo pulsátil para a súa lectura: se o pulso é moi débil, é posible que non se detecte. Por isto, non poña o sensor sobre una extremidade na que colocase un catéter arterial ou intravenoso, un apósito compresivo ou un manguito de presión arterial automático non invasivo, dado que o fluxo pulsátil pode estar interrompido. O fluxo sanguíneo na punta dos dedos tamén pode verse afectado polos movementos e a flexión das extremidades.
  • Non fixe o sensor con sistemas que poidan reducir o fluxo arterial.
  • Non coloque o sensor no dedo índice da man dominante dun paciente que se está recuperando dunha anestesia, xa que podería autolesionarse.
  • Non coloque o sensor no dedo polgar do paciente ou nunha zona edematosa.
  • A pigmentación cutánea e o grosor excesivo da pel poden dar lugar a lecturas erróneas.
  • Tape o sensor cun material opaco se o paciente está situado nun lugar con luz ambiental intensa, como a luz solar directa, unha lámpada cirúrxica ou de raios infravermellos ou lámpadas de fototerapia. Estes dispositivos poden alterar as medicións.
  • Protexa os sensores de golpes e tiróns que poidan danar os cables.
  • Hai unha serie de patoloxías e tratamentos que poden afectar os resultados da pulsioximetría:

- Certas enfermidades: enfermidade de Raynaud, tromboses, anemias intensas (valores de hemoglobina inferiores a 5mg/dl).

- O aumento das pulsacións venosas secundario a insuficiencia cardíaca dereita, a insuficiencias tricúspide, o aumento de presión por torniquete ou manguito de presión sobre o sitio do sensor de oximetría etc, interfiren coas medicións e poden dar lugar valores falsamente baixos.

- Tratamentos con dapsona, nitratos, nitroprusiato, lidocaína ou medicacións vasoconstritoras.

-A mala perfusión periférica polo frío ambiental, a diminución da temperatura corporal, a hipotensión, a vasoconstrición... son as causas máis frecuentes de erro, xa que é imprescindible para que funcione o aparato a existencia de fluxo pulsáti.

- Dishemoglobinemias: a carboxihemoglobina (intoxicación por monóxido de carbono) e a metahemoglobina absorben lonxitudes de onda similares á oxihemoglobina. Para estas situacións son necesarios outros dispositivos como CO-oxímetros.

- A utilización de contrastes intravasculares pode dar lugar a valores falsos de saturación durante varios minutos despois da súa inxección e poden afectar a exactitude da medición ata a súa total eliminación, se estes contrastes absorben luz dunha lonxitude de onda similar á da hemoglobina.

  • A hemoglobina fetal, a ictericia (ata valores de 20 mg/ml) e a fístula arteriovenosa (salvo que produza isquemia distal) non interfiren nas medicións da SaO2 dos pulsioxímetros.
  • A monitoración con pulsioxímetro non avalía a presenza de dióxido de carbono, de modo que pode suceder que unha correcta saturación enmascare unha hipercapnia importante, sobre todo en pacientes con osixenoterapia.
  • Non mergulle o sensor nin o equipo en solucións de limpeza nin o esterilice.
  • Vixíe o nivel de batería.
  • Se o sensor é para uso múltiple de pacientes, debe limparse entre cada aplicación.
  • Non utilice o sensor dun fabricante cun pulsioxímetro doutro sen verificar que sexan compatibles.

 

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde