Determinación da temperatura corporal

Determinación da temperatura corporal

Actualización 2021​. Entre as súas numerosas vantaxes cabe destacar a redución na diversidade inapropiada da práctica clínica, o que propicia unha atención máis xusta e equitativa aos nosos pacientes.​​

​A protocolización dos coidados confórmase como instrumento indispensable de soporte para a práctica clínica. Entre as súas numerosas vantaxes cabe destacar a redución na diversidade inapropiada da práctica clínica, o que propicia unha atención máis xusta e equitativa aos nosos pacientes. Unifican, así mesmo, criterios de actuación que nos serven de punto de partida para unha avaliación da calidade do proceso asistencial. 

A febre é unha resposta adaptativa do organismo que consiste nun aumento da temperatura corporal por riba do valor normal. A Tª corporal pódese determinar mediante termómetros electrónicos, dixitais, de infravermellos, de cristal de galio... A medición con termómetros electrónicos dixitais pódese realizar en tres zonas: a axila, a boca e o recto; para a medición da temperatura rectal existen ademais termómetros dixitais semirríxidos. 

Contamos con distintos tipos de termómetros: mercurio (en desuso por ser un material tóxico), dixital (substituto do anterior), de infravermellos (para a toma de temperatura sen contacto, mide a temperatura sobre a fronte ou a ótica empregando conos desbotables; son recomendados en pediatría), electrónico (empregan sondas intercambiables e hainos para uso axilar, bucal ou rectal) e de cristal de galio (son e funcionan exactamente coma os de mercurio pero o seu material non é tóxico). 

Os mamíferos e as aves son animais endodérmicos que controlan a súa temperatura corporal de forma moi estrita. Manter a temperatura central do corpo dentro dun rango estreito permite que moitos mecanismos esenciais, como a función renal e a actividade nerviosa central, funcionen con precisión. Ademais permite que se manteñan activos con moita menos dependencia das temperaturas ambientais. 

A temperatura da arteria pulmonar considérase normalmente o patrón da temperatura central pero na medicina clínica considérase que a zona rectal ofrece a “verdadeira” temperatura corporal. Por tanto, tradicionalmente, as lecturas bucal e axilar axústanse á temperatura rectal engadindo 0.3 e 0.5 ºC, respectivamente. 

A temperatura axilar é a máis utilizada por ofrecer maior seguridade e comodidade para o paciente. Considérase que a temperatura axilar normal está en torno a 37ºC, movéndose nun rango entre 36.2 – 37.5ºC. 

A temperatura corporal pode medirse de maneira invasiva e non invasiva. A non invasiva mídese en diferentes zonas da superficie corporal (axila, recto, canal auditivo externo, fronte, sublingual...), a invasiva pola contra precisa de dispositivos que se insiran en cavidades do corpo, por exemplo sondas esofáxicas ou vesicais con control de temperatura, medición da temperatura mediante catéteres venosos centrais, ... Segundo artigos cualificados con evidencia forte e moi forte, os rangos normais de temperatura en adultos son: oral 33.2-38.2 ºC; rectal 34.4-37.8 ºC; timpánica 35.4-37.8ºC e axilar 35.5-37.0ºC. En canto ao sexo, o rango en temperatura oral para homes e mulleres é de 35.7-37.7 e 33.2-38.1ºC respectivamente; en rectal 36.7-37.5 e 36.8-37.1ºC e en timpánica 35.5-37.5 e 35.7-37.5ºC. Nos nenos, consideramos febre cando a temperatura está por riba de 38ºC rectal, 37.5ºC oral ou 37.2 axilar. Nos adultos consideramos febre cando a temperatura está por riba de 37.2-37.5ºC segundo a hora do día. 


Tes mais información sobre o procedemento nos distintos apartados da información asociada.


AUTORAS:
  • María del Mar Castro Murias. Supervisora Medicina Preventiva Hospital Lucus Augusti. AS Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
  • M.ª Ángeles Martínez López. Supervisora de Calidade. Hospital de Monforte. AS Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
  • M.ª Teresa Pérez Rodríguez. Supervisora de Especialidades. Hospital de Monforte. AS Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
  • Raquel Hermida Coto. Supervisora de Traumatoloxía. Hospital de Monforte. AS Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

REVISORAS:
  • Grupo Femora Ferrol: Noemí Pérez Felpete (enfermera) e Ana Meizoso Ameneiro (enfermeira)
  • Grupo Femora Ourense: Ana María Gómez Gómez (enfermeira).
  • Grupo Femora CHUAC: Beatriz Miño Farina (TCAE Traumatoloxía), Yolanda Guisande Garrido (Enfermeira Traumatoloxía), co asesoramento do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC.