Automedición da presión arterial (AMPA)

1 comentarios comentarios

Automedición da presión arterial (AMPA)

.

MEDIOS MATERIAIS
Tensiómetro electrónico automático para medición no brazo.
 
PROCEDEMENTO
- Seguir as instrucións do fabricante.
- Colocar o manguito segundo as instrucións do aparello.
- Pulsar no monitor o botón para iniciar a toma.
- O compresor fai que se inche automaticamente a cámara do manguito.
- Despois esta baléirase progresivamente segundo o ritmo marcado por un sistema
eléctrico integrado no monitor.
- Ao acabar a toma, aparecen as cifras de presión arterial na pantalla do monitor: as máis altas corresponden a presión arterial sistólica e as máis baixas a presión arterial diastólica. Tamén aparece a frecuencia cardíaca, o número de veces que late o corazón nun minuto.
 
OBSERVACIÓNS
- Os valores da PA obtidos na AMPA adoitan ser inferiores para o mesmo individuo aos medidos na consulta, especialmente nos pacientes hipertensos. Nos que teñen a PA normal na consulta as diferenzas son menores e incluso ata un 30 % presentan valores superiores con a AMPA (Ministerio de Sanidade e Consumo, 1996).
- Desaconséllanse os aparellos do pulso porque poden dar lugar a importantes erros derivados dunha posición incorrecta do brazo e do estado de flexión ou hiperextensión do pulso.
- Non se lles recomenda aos que toman a presión no dedo, porque están moi influenciados pola posición e polo estado da circulación periférica.
- Non hai un límite superior universalmente aceptado de PA normal tomada mediante a AMPA. Ata que se dispoña de máis estudos, actualmente tanto as directrices da European Society of Hypertension de 2010, como o VII Informe del National Joint Committee estadounidense de 2003, recomendan considerar elevadas as cifras de PA media das lecturas de varios días superiores a 135/85 mm Hg.
- Faltan estudos sobre o seu papel prognóstico na afectación cardiovascular e nas repercusións que produce a HTA nos diversos órganos.
- Non se estableceu o número de medidas necesarias que se deben realizar.
- Aconséllase que a frecuencia das medicións se adapte ao estado de avaliación do paciente.
Seguindo as recomendacións do Documento de Consenso Español para AMPA
(Coca A, 2007) e da European Society of Hypertension, 2010, proponse o seguinte:
 
· Uso da AMPA para o diagnóstico: tomar PA durante 3-7 días laborables pola mañá (entre as 6-9 horas) e pola tarde (entre as 18-21 horas) facendo 2-3 medidas, separadas por 2-3 minutos. En ambos os casos antes de tomar medicamentos e de almorzar ou cear, respectivamente.
· Uso da AMPA para o seguimento do paciente: elixir un ou dous días da semana (preferentemente laborables) e facer 2-3 medidas.
 
INCONVENIENTES
- Non permite efectuar tomas durante as horas de traballo nin durante o soño.
- Necesidade de utilizar aparatos validados clinicamente (é dicir, que pasaron uns controis mde calidade nos que se comprobe que miden correctamente a PA).
- Custo elevado dos tensiómetros.
- Necesidade de calibrar o aparello polo menos 1 vez ao ano.
É imprescindible unha boa selección do paciente (motivado, con nivel intelectual adecuado, sen alteracións mentais graves, non obsesivo nin hipocondríaco).
- É necesario un adestramento adecuado do usuario para a utilización da AMPA.
- Posibilidade de que o paciente falsee os resultados da toma de PA.
- Pode inducir os pacientes a tomar decisións con respecto a tratamento sen contar co médico/a.
 
VANTAXES
- Diminúe a aparición do fenómeno de “bata branca” (aumento da PA por unha reacción de alerta no inicio da toma da PA, que é máis frecuente ante a presenza dun profesional sanitario, aínda que tamén pode acontecer nas tomas da PA no domicilio). Isto permite unha mellor aproximación ao diagnóstico da hipertensión arterial (HTA).
- Elimina os erros debidos ao observador da PA (por problemas da vista, do oído, etc.).
- Informa mellor dos valores da PA nas condicións de vida habituais do paciente.
- Permite coñecer o perfil tensional diúrno (os cambios da PA durante o día).
- Ten boa correlación coa afectación dos órganos causada pola HTA (especialmente
coas do corazón, riles e ollos).
- Contribúe a unha mellor avaliación do efecto da medicación antihipertensiva.
- Pode ser de utilidade no diagnóstico da HTA resistente (que é aquela en que a PA se mantén alta a pesar de cumprir ben o tratamento e de estar a tomar polo menos 3 medicamentos para tratala).
- Mellora o cumprimento do tratamento.
- Facilita a implicación do paciente no control do seu HTA.
- Pode lograr unha redución do custo farmacéutico e do número de visitas aos centros sanitarios.
 

 

Comentarios:
  • avatar De1riMa4ce WOW what a pair or musicians we have in Marty and Brian. Switchback is awesome and so deserving of this notariety. Best way to start the New Year with a great NEW RELEASE! dixo:
    xoves, 6 de xullo 2017 ás 02:07
    De1riMa4ce WOW what a pair or musicians we have in Marty and Brian. Switchback is awesome and so deserving of this notariety. Best way to start the New Year with a great NEW RELEASE!
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde