Para ter en conta. Adm. medicación por vía oftálmica

0 comentarios comentarios

Para ter en conta. Adm. medicación por vía oftálmica

 

Observacións 

  • Anticiparse e tomar as medidas necesarias para previr os movementos rápidos e inesperados do paciente durante a administración do fármaco e, no caso dos nenos, pedir a colaboración dos titores para inmobilizalos.
  • Verificar a existencia de incompatibilidades medicamentosas que contraindiquen a administración dalgún dos fármacos.
  • Vixiar e, no caso de pacientes ambulantes, informar da necesidade de comunicar calquera signo relacionado coas posibles complicacións (proído, dor, visión borrosa ou dobre...) ao profesional sanitario encargado do seguimento do proceso.
  • Se é a primeira vez que se administra un medicamento hai que estar alerta, en especial nos casos de hipersensibilidade coñecida a outros fármacos.
  • Desbotar a primeira gota ou porción de pomada antes de instilar o tratamento. 
  • Se nalgún momento se toca o ollo co aplicador do medicamento, hai que consideralo contaminado e desbotalo.
  • As pingas oftálmicas deben aplicarse antes que as pomadas. O ideal sería esperar 5 minutos para favorecer que as pingas se absorban.
  • Cando sexa necesario instilar pingas de varios colirios, administraranse con polo menos cinco minutos de diferenza, pois se se administran seguidos as segundas lavan as primeiras e non son efectivas.
  • Seguir en todo momento unha técnica aséptica, xa que os colirios se contaminan con facilidade.
  • Empregar sempre material distinto para cada ollo.
  • Unha vez aberto o envase, considérase contaminado. Será de uso exclusivo para o doente e debe estar correctamente identificado.
  • No caso de colirios que se conserven na neveira, hai que quentalos entre as mans antes de administrar ata que alcance a temperatura ambiente.
  • Cando se administren fármacos que produzan efectos sistémicos, aplicarase unha leve presión sobre o conduto nasolacrimal durante 30-60 segundos para evitar o seu paso e absorción pola mucosa nasal.
  • Anotar no envase a data de apertura e verificar o período de caducidade unha vez aberto, o que dependerá do tipo de colirio. Resgardalo da luz e calor excesivo
  • Desbotar as pingas descoloradas ou con borra.
  • Vixiar a presenza de avermellamento, proído, visión borrosa persistente ou diminución da agudeza visual.
  • O saco conxuntival ten capacidade para 1-2 pingas, polo que a instilación de máis medicamento é de dubidosa eficacia.
  • Manter ben pechados os colirios e as pomadas logo de utilizalos.
  • Non aplicar nunca presión directa sobre o globo ocular, xa que se poden producir graves danos.
  • As pomadas oftálmicas deben administrarse en último lugar.
  • A medicación ocular concomitante debe administrarse 5 minutos antes da instilación de bágoas artificiais.

 

ENSÍNELLE AO PACIENTE/FAMILIA:

  • Que, tras a administración da pomada oftálmica, así como con certos colirios, a súa visión permanecerá borrosa durante uns instantes.
  • A administrarse a medicación. A non tocar o ollo co aplicador do medicamento.
  • A manter a medicación nun lugar seco e con baixa iluminación.
  • A non empregar nunca o mesmo medicamento de outros pacientes ou familiares.
  • Os posibles efectos secundarios dos medicamentos oculares inclúen: cefalea, falta de concentración, sequidade, irritación, alerxia, desorientación, confusión mental, dificultade para respirar e alucinacións.
  • A hiperestension do pescozo para a aplicación dos medicamentos oftálmicos está contraindicada en pacientes con lesión de columna cervical.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde