Procedemento. Adm. de medicación por v.inhalatoria

0 comentarios comentarios

Procedemento. Adm. de medicación por v.inhalatoria

.

Preparación previa

  1. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
  3. Informar ao paciente e/ou ao coidador principal do procedemento a realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. (Nivel V)
  4. No caso de pacientes pediátricos explicarlle o procedemento aos pais. (Nivel II)
  5. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  6. Identificar aos profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  7. Seguindo os cinco principios de administración da medicación verificar: fármaco, dose, vía, hora e paciente correcto. Asegurarse que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco. (Nivel V) 
  8. Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  9. Colocar en posición axeitada.
  10. Realizar hixiene de mans. (Nivel I).
  11. Proceder a administración do fármaco.
 
Inhaladores en cartucho presurizado
  1. O paciente debe estar de pé ou sentado para permitir a máxima expansión torácica e unha maior capacidade inspiratoria.
  2. Destapar o cartucho e soster o inhalador en posición vertical (en forma de L). 
  3. Suxeitar o cartucho entre os dedos índice e polgar (índice arriba e polgar abaixo) e axitalo para facer unha boa mestura do propelente e o medicamento. Se se usa por primeira vez realizar 2-4 pulsacións ao aire. Se non se usou en 7 días ou máis recoméndase facer dúas pulsacións antes do seu uso.
  4. Realizar unha expiración (baleirar o aire dos pulmóns) lenta e profunda; a máxima capacidade inspiratoria obtense a partires da posición de “volume residual”.
  5. Colocar a boquilla do inhalador na boca, pechando firmemente os beizos ao redor da boquilla.
  6. Comezar a inspirar lenta e profundamente (a inhalación lenta reduce o depósito de partículas nas vías respiratorias superiores), sen que interfira a lingua. Unha vez iniciada a inspiración, premer o cartucho unha soa vez. É moi importante realizar a pulsación do inhalador logo de iniciar a inspiración. Seguir inspirando lenta e profundamente. A inspiración debe ser lenta e profunda, 4-5 seg en adultos e 2-3 seg en nenos.
  7. Retirar o cartucho da boca e aguantar a respiración (apnea) durante uns 10 seg (facilita o máximo depósito das partículas do medicamento e reduce a cantidade de dose inhalada que se exhala). (Nivel V).
  8. Expirar lentamente como nunha respiración normal. 
  9. Se ten que tomar outra dose, esperar 30 seg e repetir a técnica. 
  10. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento. (Nivel V).
  11. Para a limpeza, desacoplar o cartucho da base de plástico e lavar esta última con auga e xabón. Secar adecuadamente para que non quede humidade. Gardar despois en sitio fresco e seco.
  12. Existe unha variante, o ICP de partículas extrafinas. A principal diferenza é que o fármaco está en solución dentro do cartucho, non en suspensión e non usa CFC como propelente senón HFA que non danan a capa de ozono; esa formulación extrafina fai que teña maior alcance na vía aérea pequena e menos impacto farínxeo. Non é necesario axitalo antes de usar. Ten a vantaxe de que a Tª de saída do fármaco é de 14ºC fronte aos 2ºC dos ICP, polo que evita o efecto freón-frío que ás veces detén a inspiración.

 

Inhaladores de pó seco (IPS)

  1. Paciente incorporado (sentado ou de pé).
  2.  Destapar o inhalador e sostelo en posición vertical.
  3. Pechar e apertar o perforador para que saia o pó que leva o fármaco. Nos inhaladores unidose hai que inserir unha cápsula co fármaco.
  4. Non axitar, pode caer o fármaco.
  5. Expirar ata quedar sen aire (espirar fóra do sistema, xa que se espiramos no interior do dispositivo o pó pode esparexerse polo aire).
  6. Pechar os beizos a redor da boquilla. Non esperar porque iso determinaría perda de capacidade inspiratoria.
  7. Inspirar rápida e enerxicamente. Se se fai lentamente a maioría do pó quedará no dispositivo.
  8. Evitar que a lingua obstrúa a boquilla.
  9. Manter a apnea polo menos 10 seg.
  10. Sacar a cápsula baleira do sistema.
  11. Se ten que tomar outra dose, esperar 30 seg e repetir a técnica. 
  12. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.
  13. Existe unha variante multidose que ten unhas celas dentro do propio dispositivo que se cargan cada vez e a continuación inhalar.

 

Inhaladores de vapor suave (IVS).
 
  1. Paciente incorporado (sentado ou de pé).
  2. Soster o inhalador en posición vertical co tapón cara arriba.
  3. Non é necesario axitar.
  4. Xirar a base do dispositivo 180º cara a esquerda sempre coa tapa pechada para que non escape parte da medicación.
  5. Se está estreando inhalador, neste caso hai que facer 3 pulsación ao aire para purgar o sistema.
  6. Expirar ata quedar sen aire e inmediatamente pechar os beizos ao redor da boquilla.
  7. Inspirar lenta e profundamente. Apertar o botón de liberación do resorte liberando así a medicación mentres segue inspirando lenta e profundamente.
  8. Evitar que a lingua obstrúa a boquilla.
  9. Retirar a boquilla e manter unha apnea de 10 seg.
  10. Se ten que tomar outra dose, esperar 30 seg e repetir a técnica.
  11. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.

 

Cámaras espaciadoras.  Anexo 1. Gal.JPGAnexo modelos de cámaras de inhalación.JPG  Anexo 3. Gal.JPGAnexo  imaxes cámaras.JPG

  1. Montar a cámara que soe vir pregada ou desmontada.
  2. Paciente incorporado (sentado ou de pé).
  3. Preparar o inhalador segundo o tipo que sexa e acoplalo á cámara.
  4. Espirar ata quedar sen aire e adaptar o cámara ao rostro ben coa boquilla ou ben coa máscara.
  5. Accionar o inhalador e inspirar lenta e profundamente. Recoméndase unha pausa de 1-2 seg para que o fármaco se distribúa por toda a cámara. Non agardar máis de 3 seg porque senón a maioría das partículas quedarán pegadas ás paredes da cámara.
  6. Realizaranse 5-6 ciclos respiratorios cunha única pulsación. Non facer máis dunha pulsación por vez. 
  7. Retirar a boca da cámara e manter unha apnea de 10 seg.
  8. Se ten que tomar outra dose, esperar 30 seg e repetir a técnica. 
  9. Unha vez finalizada a manobra, enxaugar a boca con auga, sen tragala, para eliminar os restos do medicamento.

 

Nebulizacións. 

  1. Poden empregarse nebulizadores pneumáticos (jet, converten o líquido en pequenas pingas pola forza dun gas presurizado) ou ultrasónicos (usan un cristal piezoeléctrico para converter a enerxía eléctrica en ondas ultrasónicas de alta frecuencia que pasan a través da solución e xeran un aerosol na súa superficie), a administración é moi similar polo que se describirá o procedemento conxunto.
  2. Preparar o equipo de nebulización. De forma xeral úsase un nebulizador tipo jet conectado a unha toma de osíxeno. Se é necesario un nebulizador ultrasónico para algún fármaco concreto será por indicación médica. Os fármacos en suspensión como Budesonida non se nebulizarán con aparatos ultrasónicos.
  3. Os viais monodoses de solucións para nebulización abriranse na habitación do paciente para envorcar o seu contido directamente na cazoleta do nebulizador (non se prepararán en vasos ou xiringas). En caso de ser envases multidoses tamén se preparará na habitación, evitando así manter o fármaco en xiringas iguais ás de medicación parenteral xa que existe risco de erro de administración. (Nivel V).
  4. Verificar que o volume para nebulizar a maior cantidade de fármaco posible é en torno a 3-6 ml. A importancia de que o volume sexa correcto  radica en que non se nebuliza por completo, queda en torno a 0,5-3 ml de volume morto. Ao aumentar o volume da nebulización reducimos o volume de fármaco sen nebulizar. Non se pode superar o volume máximo establecido polo fabricante, que a a maioría fixa en 5 ml, aínda que algúns permiten ata 10 ml. (Nivel III).
  5. Para a dilución empregaremos soro salino fisiolóxico ao 0,9% xa que reduce o risco de broncoespasmo que se pode producir se usamos auga destilada.
  6. Non existe evidencia científica en relación á mestura de fármacos na cazoleta de nebulización. Como norma xeral non se recomendan facer mesturas das que non se comprobara a súa seguridade e efectividade. (Nivel V). Anexo 4. Gal.JPGAnexo.JPG
  7. Colocar o paciente en posición de Fowler alta ou Fowler.
  8. Para nebulizador tipo jet, osíxeno a 6-8 l/min. Fluxos máis altos producen o choque das partículas nebulizadas coas paredes do nebulizador reducindo a seu depósito nos pulmóns. (Nivel III).
  9. Indicar ao paciente que debe realizar inspiracións lentas e algunhas respiracións profundas.
  10. A nebulización debe deixarse ata que finalice, o que soe ser en 10-15 min. 
  11. Enxaugar a boca despois da nebulización e non tragar esa auga.
  12. Recoméndase o uso de cazoletas dun só uso, a reutilización non garante, segundo algúns autores, o bo funcionamento do dispositivo. (Nivel V).


 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde