Para ter en conta. Adm. medicación IM.

0 comentarios comentarios

Para ter en conta. Adm. medicación IM.

.

  

  • A agulla usada para cargar a medicación non será a mesma que se use para administrarllo ao paciente (reduce o malestar do paciente).
  • Evitar as interrupcións ás enfermeiras durante a preparación e administración de medicamentos.
  • Para elixir o lugar de inxección hai que considerar, entre outros: idade, tipo de medicación, volume que se vai administrar (se > 2 ml, non en deltoide).
  • Non se ten información suficiente sobre a necesidade de desinfección alcohólica da pel antes da inxección intramuscular, sendo necesarios estudios adicionais. Tampouco con respecto ao produto ou á concentración de antiséptico que utilizar2 Algunhas guías de hospitais Españois recomendan o uso de alcohol 70º, clorhexidina alcohólica 2% ou a clorhexidina alcohólica ao 0,5 %.
  • No caso de vacinas vivas atenuadas está contraindicado o uso de alcohol ou produtos en base alcohólica. En neonatos usaremos clorhexidina en base acuosa.
  • Nunha revisión feita no ano 2016 recoméndase desinfectar a pel no caso de vacinas vía parenteral xa que se trata dunha intervención de baixo custo para previr un evento de moi baixa prevalencia pero de custo significativo.
  • Non administrar inxeccións intramusculares en zonas inflamadas ou edematosas, con cicatrices ou lunares, marcas de nacemento ou outras lesións (nivel IV).
  • A administración IM pode estar contraindicada en pacientes con alteración dos mecanismos da coagulación, enfermidade vascular periférica oclusiva, choque, despois do tratamento trombolítico e durante un infarto agudo de miocardio, posto que a absorción periférica está alterada (nivel IV).
  • Nunca administrar o fármaco nun vaso sanguíneo.
  • Rotar as zonas de punción naqueles pacientes que requiran tratamento prolongado.
  • Se durante a administración do medicamento o paciente refire dor intensa irradiada pola extremidade, suspender a inxección e cambiar a zona de punción.
  • A agulla debe de ser o suficientemente longa para que o medicamento sexa inxectado no músculo e previr complicacións como os granulomas.
  • En pacientes obesos, premer e tensar a pel da zona de punción co dedo índice e polgar da man non dominante; recoméndase a zona ventro-glútea para evitar administrar a medicación en tecido subcutáneo (nivel IV).
  • En pacientes con escaso tecido adiposo ou os nenos que acaben de nacer facer un pregamento cutáneo cos dedos polgar e índice da man non dominante para realizar a punción.
  • Administrar sempre os medicamentos a temperatura ambiente.
  • No caso de administración de fármacos que irritan o tecido subcutáneo ou poden causar manchas na pel, utilizar a técnica de inxección IM en Z Anexo 4 GAL.JPGAnexo.JPG. Antes da inxección mover lateralmente a pel e tecido subcutáneo sobre o músculo liberando a tensión tras a retirada da agulla e xiringa para formar un camiño de zig-zag. Non exercer masaxe no punto de punción.
  • É importante saber que algúns medicamentos poden cristalizar no interior da agulla se demoramos moito a súa administración.
  • A enfermeira que prepara o medicamento é a que debe administralo. Nunca administre un medicamento preparado por outra persoa.
  • No paciente pediátrico: a persoa que coida o neno debe estar sempre presente. En lactantes recoméndase dar o peito durante e inmediatamente despois do procedemento. En nenos maiores, aconséllase a distracción con xoguetes, vídeos ou música.
  • Se existe algunha dúbida, non administrar e consultar.
  • Segundo a pirámide de uso adecuado de luvas da OMS, non está indicado como norma en inxeccións intramusculares nin subcutáneas o uso de luvas, salvo feridas no paciente ou no traballador.
  • Entre as complicacións asociadas coa inxección IM atópanse: contracción muscular, parálise, lesión de nervio periférico, irritación local, dor, infección, hematomas, neuropatías, sangrado, nódulos persistentes, dano permanente no nervio ciático con resultado de parálise, fibrose, absceso, necrose de tecidos.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde